Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2022 | Actualizada ás 12:01
A borrasca Efrain deixou choivas de máis de 60 litros por metro cadrado en zonas das provincias da Coruña. En concreto, no municipio coruñés de Lousame, Meteogalicia rexistrou nas últimas horas 60,8 litros por metro cadrado e en Rois, 56,5. Así mesmo, en localidades ourensás como Avión ou Entrimo cuantificáronse 58,6 litros por metro cadrado.
Ademais, na provincia de Pontevedra o pico de choiva rexistrado por Meteogalicia detectouse en Tui, onde caeron 58,8 litros por metro cadrado e en Vilanova de Arousa, con máis de 52 litros por metro cadrado.
O temporal tamén está a deixar fortes ventos con refachos de máis de 120 km/h en lugares como Castro Vicaludo, no municipio pontevedrés de Oia (127,5 km/h) ou na Gándara, no concello coruñés de Vimianzo (125 km/h).
No mar a situación tamén se complicou e a naviera Mar de Ons comunicou que suspende o transporte entre Cangas e Vigo ata novo aviso debido ás malas condicións meteorolóxicas.
CANCELADOS VOOS EN PEINADOR
Así mesmo, varios voos con destino ao aeroporto de Peinador de Vigo foron desviados na mañá deste luns debido á "meteoroloxía adversa" que vive a cidade, segundo informaron fontes de Aeroportos Españois e Navegación Aérea (Aena) consultadas por Europa Press.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta mantén activa para este luns unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo. Prevense ondas de ata cinco metros debido ao mar de fondo e vento do suroeste forza 8 de ata 74 quilómetros por hora na Mariña e no noroeste da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.