Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 11:28
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT denunciou a supresión dos reforzos nos xulgados lugueses de Sarria e Viveiro, o que consideran unha "puñalada trapera" ao ser decretada "sen falar" cos servizos xudiciais "nin os sindicatos".
Así o manifestou este martes o responsable do sindicato Alternativas na Xustiza CUT en Galicia, Pablo Valeiras, quen, en declaracións aos medios, censurou a decisión da Administración autonómica, trasladada o martes e que será efectiva a partir do 31 de decembro.
Valeiras, que lembrou que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia demandou "varias veces" a creación dun novo xulgado en Sarria e Viveiro, lamentou que se supriman estes servizos en órganos que teñen "uns cocientes moi por encima da media".
"A Xunta, no canto de manter eses reforzos que pediu este sindicato no seu día, decide retiralos sen previo aviso", afeou antes de avanzar que pedirán unha reunión coas corporacións muncipales das localidades afectadas "para facer unha fronte común". "É un atraco a man armada e unha falta de respecto aos veciños de Sarria e Viveiro, e coa provincia de Lugo", sentenciou.
En resposta a estas acusacións, a Xunta desmentiu a denuncia e asegurou que o Executivo autonómico procedeu na pasada xornada a prorrogalos de oficio porque "ao non recibirse nalgún deles a solicitude de prórroga íase a producir o cesamento automático o 31 de decembro".
"A continuidade dos reforzos foille comunicada directamente ao letrado da Administración de xustiza de Viveiro, entre outras persoas", manifestou o Executivo autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.