México sangra

O Presidente de México, Emilio Peña Nieto, acompañado da súa guapa esposa, Anxélica Rivera [dona dunha mansión de sete millóns de dólares, pagada pola construtora do ferrocarril], descenden a escada do avión TP01 no aeroporto de Brisbane para asistir ao cumio de Líderes do Mundo (G20). Impecable gravata, elegante peiteado, o presidente e a súa dona estreitan as mans que pouco antes saudaron ao presidente de China, Xi Jinping, compartindo un “seminario de negocios”. Mans manchadas en sangue.

Por Valentin Carrera | Compostela | 26/11/2014

Comparte esta noticia
A imaxe procede dun Nodo gobernamental e produce verdadeiro noxo a quen aínda conserve un pouquiño de dignidade e sentimentos. Os líderes do G20, Peña Nieto entre eles, fan negocios en Australia mentres na pequena aldea de Ayotzinapa, no estado mexicano de Guerreiro, corenta e tres familias choran a desaparición dos seus fillos.
 
Foi o pasado 26 de setembro: a policía e o narcocártel Guerreros Unidos secuestraron 57 estudantes de maxisterio en Iguala. Catro días despois apareceron ilesos 14, pero os 43 restantes seguen desaparecidos. A falta da identificación dos cadáveres, todo indica que foron asasinados e calcinados nun vertedoiro de lixo de Cocula. Na súa procura apareceron nove fosas de asasinatos anteriores: o gobernador de Guerreiro tarda un mes en dimitir, e o frustrado Estado mexicano tarda mes e medio en deter ao presunto indutor do crime, o Alcalde de Iguala, territorio sen lei onde todo é medo e silencio. Terror: 26.000 desaparecidos (recoñecidos polo Goberno federal de México) segundo o último informe de Amnistía Internacional.
 
O asasinato múltiple –“un caso único, de gravidade extrema”, segundo o Grupo de Desaparicións Forzadas da ONU-, conmove ao mundo: cadeas de protestas incendian México, Arxentina, quizais cheguen ás nosas durmidas rúas, aínda que non oímos nin unha soa palabra de condena a Rajoy, tamén de negocios no G20, nin ao seu ministro Margallo, nin a Feijoo, abandeirado da corrupta multinacional mexicana Pemex (non escarallemos “as excelentes relacións bilaterais”, noticia do 6 de outubro); pero si falou o Papa Francisco chamando crime ao crime.
 
Convén que a lei se faga cumprir só en Cataluña, o resto do planeta -de México a Tíbet, pasando por Arxentina, Gaza ou Melilla- pode seguir facendo caixa no G20. Líderes elegantes coas súas guapas esposas que refregan as súas mans bañadas en sangue. @ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].