BNG e PP quedaron sen candidato

O pasado 11 de decembro deberían terse celebrado as primarias do PSOE local de Pontevedra. A militancia tiña que elixir entre a continuidade do aínda portavoz e tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, presentado como un sopro de aire fresco nun partido que precisa desde hai anos dun pulo de ilusión e ambición.

Por Alexander Vórtice | Pontevedra | 20/12/2022

Comparte esta noticia
Repetía Fernández, abducido por unha sorte de perrencha trumpista e convencido do éxito dunha estratexia consistente en victimizarse e deslexitimar o proceso electoral,  que  tiña  o  partido  controlado (primeiro), que as bases o respaldaban de xeito maioritario (despois) e que aquel candidato que gañase o faría por ben pouco (ulteriormente). Pero a narrativa de épica sanchista que repicaban as campás da guerra sucia acabaron dando forma a un  relato  de  ciencia  ficción  (para  gañar por pena, ademais, hai que dar moita pena) e dous días antes da cita electoral, o bo de Tino decidiu retirarse como un vaqueiro asqueado que engurra o cello ao ver que o ocaso é ineludible e a zarzaparrilla escasea.
 
E coa súa retirada, tamén perdeu a contenda o candidato socialista predilecto do BNG e do PP para estas primarias e para as eleccións municipais que se celebrarán en maio de 2023. Tino era o desexado por Lores e Domínguez,  mentres  que  Iván  Puentes  supón  unha  alternativa de cambio tan ilusionante para o PSOE local  como  pouco  compracente para os seus rivais.
 
Tamén podería dicirse que, nestes últimos tempos, Tino foi -e aínda é- ‘o xogador número 12 do BNG’, un medio centro defensivo do seguidismo que chegou a asumir como bo o papel de quecer o banquiño para os nacionalistas, encantados da vida cun PSOE resignado a ese papel de eterno actor secundario que o ciclismo lle reservou a Raymond Poulidor.
 
Tino retirouse ao seu estilo, acusando á Executiva Municipal Socialista de parcialidade e aseverando que tiña o apoio absoluto das bases. Vén a afirmar que, de celebrarse primarias, a militancia daríalle  unha victoria contundente (pois menuda faena que deixara ás bases  sen poder expresar a opinión maioritaria do partido). Unha afirmación que nos lembra un pouco a eses namorados abandonados que seguen convencidos de que o suxeito do seu amor os deixou tirados a pesar de querelos perdidamente. Do mesmo xeito que no amor nunca nos deixan cando nos aman, hai algo que xamais sucede en política: abandonar un proceso electoral no que un está convencido de que vai gañar. Xamais tal aconteceu.
 
Por moito que lles pese a algúns e do que se tentou marear a perdiz (unha teima na que os autores intelectuais do ‘fogo amigo’ deixaron un regueiro de indicios e inxerencias), a realidade é que esas primarias que nunca se produciron ían dar a Iván Puentes como  claro  gañador. Porque así o quere a militancia do PSOE de Pontevedra. E aínda que as retiradas a tempo son moi loables, na vida tamén hai que saber bailar coa derrota. Ata Bolsonaro en Brasil, ao seu xeito, mareando a perdiz da deslexitimación das eleccións, acabou asumindo seu fracaso electoral a última hora.
 
Tentar desacreditar a democracia interna dun partido político (seguindo ese libro de estilo que tan de moda puxo Steve Bannon) e a transparencia dun proceso electoral absolutamente fiscalizado por Ferraz supón un estertor de desesperación. Non teño ningunha dúbida de que a maioría da militancia tería preferido expresar nas urnas a súa opinión sobre o futuro do PSOE pontevedrés.
 
Aínda así e con todo, para darlle un pouco de sentido literario a todo o escrito e acontecido, eu quedaríame coa máxima do poeta e prosista Antonio Machado: “En política só triunfa quen pon a vela onde sopra o aire; xamais quen pretende que sopre o aire onde pon a vela”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alexander Vórtice Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979) é xornalista, poeta, novelista, columnista, escritor e colaborador en Diario de Pontevedra, PontevedraViva, Diario16, Crónicas PTV e nas revistas culturais Falando con Letras, En tempos de Aletheia e Oceanum. As súas obras publicadas ata o momento grazas ao pulso dos golpes e as caídas son: Destilería Ocaso (2004), Neurose Tremens (2005), Material de Soños (2008), Deus e Outros Superheroes (2013), Atrofiadas as Estrelas (2015), Crónica dun Home Bo (2016), Vexetacións Carnívoras (2017), Tempa Maltreita (2019) e Diagnóstico Interior (2021).