Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 01:47
O 112 Galicia rexistrou case 400 incidencias provocadas polo temporal durante este domingo, 1 de xaneiro de 2023. As choivas están a marcar o primeiro día do novo ano e, entre as 00.00 e as 18.00 horas, o servizo contabilizou un total de 384 incidencias en Galicia. En gran parte continúa activo un episodio de nivel laranxa por choivas intensas.
As emerxencias máis frecuentes foron as inundacións en vivendas (115), seguidas de incidencias relacionadas coas estradas: obstáculos como pedras ou terra (74), bolsas de auga (43) e inundacións (55). Tamén se produciron inundacións en garaxes (42) e rúas (26).
As provincias máis castigadas pola choiva foron Pontevedra (195), Ourense (108) e Lugo (69). Pola súa banda, na da Coruña só rexistráronse doce incidencias desta índole.
As emerxencias nos concellos pontevedreses tiveron que ver, maioritariamente, con inundacións en vivendas (72), garaxes (28) e baixos comerciais (24).
Algunhas persoas permaneceron nas súas casas, sen a posibilidade de saír ao exterior debido a baixos alagados ou á forza coa que baixaba o río: foi o caso dunha vivenda no lugar de Urcela (Ponteareas), cuxos ocupantes chamaron esta tarde ao 112 para informar de que o leito estaba desbordado.
En Salvaterra do Miño, varios inmobles resultaron afectados. Nun deles, situado no lugar das Regueiras, unha persoa indicaba ao 112 preto do mediodía que non podía saír da casa porque o nivel da auga chegáballe ata os xeonllos. Tamén en Salvaterra, o paseo do Miño, no lugar da Barca, sufriu varios desprendementos cara ao río.
No concello de Tomiño rexistráronse 52 incidencias, e a maioría delas (25) tamén tiveron que ver con inundacións en vivendas. Un particular informou ao 112 pasadas as 12 horas de que o baixo do seu domicilio, no lugar do Cruceiro, estaba alagado case ata o teito. Ademais, a auga baixaba tamén pola rúa.
No lugar dos Muíños, en Ponteareas, a Policía Local informaba ao 112 cara ás 14.45 horas de que unha persoa que se atopaba no interior da súa casa, coa auga superando o metro de altura, conseguira saír ao exterior. Así, na localidade de Ponteareas contáronse un total de 17 casos, polos 15 de Tui ou os 14 de Salvaterra de Miño.
Por outra banda, con respecto ao corte de circulación ferroviaria entre Ourense e Guillarei, varios puntos permanecen cortados debido ás choivas e os posibles desprendementos.
Ourense tamén contabilizou boa parte das incidencias na comunidade relacionadas coas fortes choivas. Na parroquia de Lobios, ao fío das 14 horas, o 112 tivo constancia de varias vivendas ás que lles estaba entrando auga. En Xinzo de Limia, o desbordamento do río tamén provocou a inundación de diversos inmobles situados na parroquia de Santa María de Lamas.
No lugar A Xesteira, no Carballiño, a inundación da única estrada deixou incomunicado o pobo durante varias horas. O 112 solicitou para este operativo a intervención da Garda Civil de Tráfico e do Servizo Municipal de Protección Civil do Carballiño.
No Saviñao (Lugo), pola súa banda, un particular informou ao 112, pasado este mediodía, dunha ponte da estrada municipal que caera ao río. Aínda que sen provocar danos persoais, sinalaba o perigo para a circulación de vehículos. Desde o 112 informouse da incidencia aos Bombeiros de Chantada, á Garda Civil e a Protección Civil do Saviñao.
No relativo aos accidentes de tráfico, destacou unha saída de vía debido, segundo o particular que informou, a unha bolsa de auga na estrada en Vilar de Santos, aínda que sen feridos de consideración.
Na provincia de Lugo, destacaron os municipios de Sarria, con 9 incidencias inscritas, e Chantada e Carballedo, con 8 cada un. Pola súa banda, en Ourense, o Carballiño rexistrou 13 incidencias, polas 6 da cidade de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.