Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 11:26
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, ás que a Xunta destina un total de 2,1 millóns de euros.
Esta liña, cuxo prazo de solicitude comezará este martes e permanecerá aberto durante un mes, ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para así modernizalas e ofrecer un mellor servizo.
Tal como informou o Goberno autonómico nun comunicado, a finalidade é favorecer a fixación e implantación de empresas, así como promover o emprego local.
Estes apoios adxudicaranse por concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contra incendios e contra o roubo de cables, así como servizos centralizados de subministración de gas ou hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 euros se se realizan de forma conxunta.
"Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste senso, encaixa nas medidas que fomenta a lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao chan e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como esta", engadiu a Xunta.
Estes apoios súmanse aos 3,5 millóns de euros dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais xa postos en marcha polo Executivo autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.