A nova ministra de Cultura do Brasil, o icono da música negra Margareth Menezes, ama a cultura galega

A artista realizou unha composición para o XV aniversario do proxecto 'Ponte... nas ondas!'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 04/01/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Margareth Menezes, a nova ministra de Cultura do Brasil e grande icono da música negra é tamén unha amante da cultura galega. En múltiples ocasións mostrou o seu apoio, por exemplo, á experiencia de 'Ponte... nas ondas!', xunto a outros intérpretes brasileiros como Chico César, Daniela Mercury ou Lenine, a través dunha colaboración musical.

Margareth Menezes, nova ministra de Cultura do Brasil
Margareth Menezes, nova ministra de Cultura do Brasil | Fonte: Wikipedia

En concreto, a actual ministra, que tomou posesión do cargo o día 1 de xaneiro como unha das figuras máis populares do novo goberno de Lula da Silva, interpretou 'Portugaliza' no XV aniversario da asociación galega, baixo o lema 'O patrimonio dos tesouros vivos'.

Ademais, tamén colaborou co proxecto 'Cores do Atlántico', da artista brasileira Socorro Lira, presentado no marco do congreso internacional 'Pontes de cultura, pontes de futuro' celebrado en Vigo e Melgaço do 23 ao 25 de abril de 2010. 

Tratábase dun proxecto transdisciplinar coas cantigas de amigo galego-portuguesas que incluíu a gravación dun disco con artistas de diversos lugares da lusofonía e a edición dun libro. No disco, Margareth Menezes participou interpretando unha das 15 cantigas de amigo que o compoñen, a atribuída ao trobador Airas Nunes: 'Bailemos nós já todas, ai amigas'.

No concerto de presentación na illa de San Simón, Margareth Menezes interpretou tamén outras cantigas como a de Martin Códax 'Ondas do mar de Vigo'. En 2014, a editora Latus da Universidade de Paraíba publicou o libro-disco para todo o Brasil. Esta edición permite ao público brasileiro coñecer un patrimonio común con Galicia e Portugal.

APOIO AO PROXECTO 'PONTE... NAS ONDAS!'

A visita a Galicia en 2010 de Margaret Menezes permitiulle á artista coñecer a Ría de Vigo e participar nos ensaios do concerto de Cores do Atlántico xunto con outras artistas e músicos como Socorro Lira de Brasil, Uxía de Galiza ou Joao Afonso de Portugal. Visitou as cidades de Vigo e Arcade. Coñeceu de preto a experiencia de 'Ponte... nas ondas!' e manifestou que é unha experiencia que favorece a comunicación e a lingua.

Cando recibiu o convite para elaborar unha composición para o seu 15 aniversario confesou que se mergullou na irmandade do portugués, na orixe, e así xurdiu unha canción que conta esa historia da Galiza, de Portugal, da Baía. Eses elementos están dentro da composición que fixo "con moito cariño" para 'Ponte... nas ondas!' e que titulou 'Portugaliza'.

Margaret considerou que o proxecto 'Ponte... nas ondas!' é moi importante e que precisa cada vez máis abrir a súa participación a máis escolas, universidades e a outras persoas que poidan ter acceso. Segundo a agora ministra, o propio nome do proxecto é "belísimo, muito inspirador". Este apoio foi incluído no dossier da candidatura de 'Ponte... nas ondas!' ao rexistro das boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial, que foi inscrito o 1 de decembro de 2022 en Rabat.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta