Unha "sociedade corresponsable" e un pacto pola mobilidade sustentable, liñas de traballo de Podemos Galicia para 2023

Borja San Ramón: "A alternativa que queremos construír non se limita ás organizacións políticas, nin ás alianzas entre partidos, senón que a nosa alianza principal debe ser coa xente"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Unha "sociedade corresponsable" a través dos servizos públicos, un pacto pola mobilidade sustentable e máis vivenda pública son algunhas das liñas de traballo que Podemos Galicia ten programadas para 2023.

Son propostas xurdidas dunha reunión á que asistiron o coordinador nacional de Podemos na Comunidade, Borja San Ramón, o deputado no Congreso Antón Gómez-Reino e a portavoz da organización, Verónica Hermida.

No ámbito dos servizos públicos, co obxectivo de conseguir unha "sociedade corresponsable", a formación morada busca impulsar a sanidade e o sistema de coidados.

A mobilidade será outra liña de traballo prioritaria de Podemos. Por iso, o partido propón un pacto de país do que saia unha mesa entre administracións para a coordinación, a intermodalidade e a vertebración do territorio galego.

Ademais, Podemos reivindica o "dereito a habitar Galicia", cun maior impulso ao traballo e á vivenda. Nesta liña, propón "xestión e autonomía" sobre os recursos, así como unha aposta pola innovación e a transición enerxética.

De feito, San Ramón asegura botar de menos "a existencia dunha estratexia de transición enerxética para Galicia", porque a súa planificación "non se pode deixar exclusivamente en mans privadas".

"A nosa estratexia para 2023 pasa, precisamente, por pór propostas transformadoras na axenda galega tal e como estamos a facer no Goberno do Estado", explica, pola súa banda, Gómez-Reino, quen destaca políticas como os impostos ás grandes fortunas, aos bancos e ás enerxéticas, entre outras, en contraposición coa Xunta.

A maiores, de cara aos comicios de maio, Borja San Ramón sinala ao municipalismo como "clave" neste 2023: "Estou seguro de que daremos a sorpresa e Podemos será a garantía de gobernos de transformación en moitos concellos".

O coordinador do partido morado afirma que este traballo se desenvolverá con diferentes colectivos e axentes sociais. "A alternativa que queremos construír non se limita ás organizacións políticas, nin ás alianzas entre partidos, senón que a nosa alianza principal debe ser coa xente", sentenza.

O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón (centro), a portavoz, Verónica Hermida (esquerda), e o deputado Antón Gómez-Reino (dereita)
O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón (centro), a portavoz, Verónica Hermida (esquerda), e o deputado Antón Gómez-Reino (dereita) | Fonte: PODEMOS GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Si xa sabemos en que consiste a vosa alianza coa xente dame os teus datos, vótame e logo xa falaremos se temos tempo ! O fundador do Oligopolio Político segue no allo ou xa está no mundo das telecomunicacións vendendo fume aos que non saben ler entre liñas ? http://gamela00.blogspot.com/2018/0... En calquera caso Yolanda cada día que pasa fala máis claro e o Alberto Garzón un Poema de Político Comprometido !