Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2023 | Actualizada ás 12:05
A Xunta reforzará a cooperación cos concellos galegos a través de novas liñas de axudas, por un total de 2,6 millóns de euros, que contribuirán a mellorar o medio ambiente, promover o uso de enerxías renovables e a eficiencia enerxética.
Con este obxectivo, segundo informaron a través dun comunicado, o Goberno galego publicará unha orde cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para poder avanzar no obxectivo a longo prazo de alcanzar concellos climáticamente neutros.
Esta nova convocatoria súmase ás subvencións destinadas a entidades locais tramitadas como anticipado de gasto, cun importe de 3,5 millóns de euros da orde de infraestruturas de uso público e máis de 11 millóns de euros do Fondo de Compensación Ambiental.
Ademais, os concellos contan neste exercicio con 143,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL), con 17,4 millóns adicionais respecto ao ano pasado.
Desta cantidade, o fondo adicional ten unha dotación de 30,5 millóns que irán destinados aos servizos das competencias municipais máis demandados, como as emerxencias, limpeza, melloras das redes de abastecemento e obras de eficiencia enerxética.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.