Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 14:20
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nega que a futura lei de litoral fomente a turistificación da costa, tal e como denuncian diferentes colectivos, á vez que defende "dar un segundo uso" a unhas 300 edificacións que "son unha xoia desde o punto de vista arquitectónico".
Antes de participar nun encontro con catedráticos das universidades galegas para abordar esta lei en proceso de exposición pública, a conselleira puxo o exemplo de que un faro que depende do Goberno central "se pode converter nun hotel". "Pero se un faro depende da comunidade autónoma resulta que non podemos facer absolutamente nada con el", quéixase.
Así, a Xunta avanza na tramitación da futura lei galega de ordenación do litoral ante a negativa do Executivo central a transferirlle a competencia de costas. O Goberno galego solicita as "máximas achegas" antes do 20 de xaneiro para poder estudalas, o que unido a informes sectoriais volverá ao Consello da Xunta para dar traslado ao Parlamento galego.
Respecto diso, Vázquez remarca que haberá tres áreas na costa con esta lei, incluída unha zona de máxima protección para a preservación de ecosistemas. "Para nada pretendemos desprotexer a costa", incide.
"Pretendemos que esta sexa unha lei de todos os galegos e galegas", asegurou, na que se busca axuntar a protección da costa con "diversificar a economía".
"É unha lei para Galicia, que non vai en contra de ninguén, que pretende dar seguridade xurídica, da que vimos carecendo nos últimos anos, que está a provocar unha parálise na nosa costa", razoa. E é que lamenta que "non se están facendo os investimentos necesarios" na cadea mar-industria, pois hai proxectos fundamentais que "decidiron paralizalos ata ter esa seguridade xurídica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.