Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/01/2023 | Actualizada ás 18:45
A baixada das temperaturas debido á chegada dunha fronte fría e a caída da cota de neve aos 900 metros fixo que Galicia rexistrase este domingo as primeiras nevadas do ano na montaña das provincias de Lugo e Ourense.
En Pedrafita do Cebreiro a paisaxe xa se tinguiu de branco, con máis intensidade nos puntos máis altos do Cebreiro, aínda que o alcalde deste municipio, José Luís Raposo, asegurou a Europa Press que "caeron catro pos nas árbores", un feito que non afectou polo momento a ningunha comunicación da zona.
Na provincia de Ourense, as primeiras folerpas de neve do ano rexistráronse en Manzaneda, onde os canóns da estación de esquí traballaron a pleno rendemento este domingo. Tamén nas zonas máis altas de Carballeda de Valdeorras nevou, sen que se rexistraron incidencias relevantes en canto á circulación nas estradas ourensás.
ALERTAS
Segundo alertaron a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e Meteogalicia, hai un aviso especial na comunidade galega por temporal de vento, mar, neve e choiva para este luns e martes.
Tal e como sinalou Meteogalicia, este luns, 16 de xaneiro, haberá alerta laranxa na Mariña lucense por ventos superiores aos 100 quilómetros por hora. Tamén en todo o litoral galego por ondas de entre cinco e sete metros de altura.
Ademais, haberá alerta amarela nas montañas de Lugo e Ourense por ventos superiores aos 80 quilómetros por hora e precipitacións que alcanzarán os 40 litros por metro cadrado e que poderían caer en forma de neve.
Para o martes, segundo Meteogalicia, haberá alerta laranxa no litoral galego por ondas de entre cinco e sete metros de altura. Así mesmo, manterase o aviso amarelo nas montañas de Lugo e Ourense, aínda que só por ventos superiores aos 80 quilómetros por hora.
QUITANEVES
Por outra banda, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) activou este domingo os medios necesarios para facer fronte ás nevadas que poidan producirse en Galicia pero tamén noutras comunidades como Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León durante o temporal de neve do luns 16 de xaneiro e martes 17 de xaneiro de 2023.
Para facer fronte a estes fenómenos, Mitma conta con 802 equipos quitaneves e unha capacidade de almacenamento de 154.449 toneladas de fundentes, segundo indican desde o Ministerio.
A Aemet emitiu para o martes 17 de xaneiro de 2023 un boletín de aviso por nevadas de nivel laranxa en Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia; así mesmo, para o luns 16 e martes 17 de xaneiro de 2023 emítese un boletín de aviso por nevadas de nivel laranxa na Comunidade de Aragón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.