A Xunta abre a porta a 48 parques eólicos que quedarán fóra de prazo, entre eles un de Repsol

Galicia informou de forma favorable 66 dos 140. A tramitación dos outros seguirá en curso e só terán que pedir o "reenganche" á Red Eléctrica tras un novo decreto incorporado na Lei de medidas administrativas e fiscais que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2023 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O prazo dado polo Goberno central para a tramitación dos parques eólicos antes do 25 de xaneiro é unha data que "preocupa" no Executivo autonómico, aínda que xa deu curso a 92 dos 140 proxectos presentados (de menos de 50 megawatts), dos cales 66 obtiveron unha declaración ambiental favorable e os outros 26 negativa, os cales decaen automaticamente (non hai opción de recorrelos).

É o balance que levou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ao Consello da Xunta. Tras a reunión do Goberno que preside Alfonso Rueda, o responsable industrial do Executivo autonómico deu os detalles das tramitacións en curso e explicou que se seguirán cursando os 48 parques restantes ata o martes 24, cando conclúe o prazo.

De entre estes 48 parques --de menos de 50 megawatts--, aqueles que queden sen unha declaración de impacto ambiental poderán seguir coa tramitación ordinaria, pero perderán o permiso de acceso e conexión que concede Rede Eléctrica, polo que teñen que volver optar ao 'enganche'. No que respecta á tramitación da Xunta, seguirá adiante --pendente desa resolución de Rede Eléctrica--, en virtude da excepción que a Xunta incluíu na Lei de medidas administrativas e fiscais --coñecida como lei de acompañamento-- que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

Sen saír dos 48 parques eólicos pendentes, nese paquete atópanse cinco proxectos aos que o Goberno autonómico vén de outorgarlle o carácter de "prioridade de despacho" no Consello deste xoves, tal e como lle permite tamén a lexislación autonómica. Este carácter prioritario outórgase a aquelas iniciativas vinculadas a unha industria instalada e que, en todo caso, non supón a aprobación do proxecto, senón a súa avaliación prioritaria (por estar ligado a un contrato de compra venda de enerxía de máis do 50 por cento da produción).

Trátase, en concreto, do proxecto de 78 megawatts na Estrada e Cuntis, na provincia de Pontevedra, que fornecerán á refinaría de Repsol da Coruña. Neste sentido, Francisco Conde avanzou que haberá máis iniciativas deste tipo (de prioridade de despacho) en próximas semanas.

Parque eólico de Greenalia
Parque eólico de Greenalia | Fonte: Greenalia

"ATENTADO" PARA AS PLATAFORMAS CIDADÁS

Os colectivos e plataformas cidadás agrupadas en protesta contra os "macroproxectos" eólicos en Galicia cualificaron de "atentado" a autorización a 66 parques concedida este xoves pola Xunta de Galicia co visto e prace outorgado ás declaracións ambientais dos proxectos.

Para 'Aldeas Libres de Macroeólicos', a información favorable outorgada a estes proxectos pola Consellería de Medio Ambiente súmase aos "múltiples atentados" que, di, comete desde principios de 2021 e que "empezaron a ser incesantes" nas últimas semanas.

Nun comunicado, acusan á Xunta de resolver estas declaracións ambientais para "facilitar a tramitación que prometeron ás empresas eléctricas para que estas non perdan os seus avais bancarios na Rede EE". "É o máis claro exemplo de para quen goberna esta xente", apostilaron.

Así pois, os colectivos convocaron para este venres unha comparencia ante os medios fronte á sede do Goberno galego en Santiago, onde explicarán a súa postura e os pasos a dar para continuar coas mobilizacións en contra do "espolio", como consideran o desenvolvemento de proxectos eólicos en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta