Temporal- 15 ríos en risco de desbordamento aínda que as choivas fortes remiten

Rescatado un condutor atrapado pola crecida dun río. A crecida do Támega obriga a cortar unha estrada e deixa incomunicadas tres vivendas que non están ocupadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

Os efectos das fortes choivas nos últimos días nótanse aínda no país, onde 15 ríos seguen en alerta por risco de desbordamentos. En concreto, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación en Galicia (Inungal), en situación de alerta, ante posibles desbordamentos dos ríos Miño (en Lugo e a Peroxa); Azúmara, en Reguntille (Lugo); Louro (no Porriño); Ladra, en Insua (Lugo); e Arnoia, en Baños de Mogas (Ourense).

Na mesma situación están o Labrada, ao seu paso por Fraga (en Lugo); o Mera, en Ortigueira (A Coruña); o Mendo (en Betanzos); o Tambre, en Oroso (A Coruña); o Furelos, en Santiso (A Coruña); e o Ulla, tamén en Santiso; o Lérez (en Pontevedra); o Oitavén, en Soutomaior (Pontevedra); o Rego das Mesas, en Valdoviño (A Coruña); e o Dubra-Tambre, en Val do Dubra (A Coruña).

As CHOIVAS REMITEN

En todo caso, aínda que aínda hai algúns cortes de vías, Meteogalicia non mantén activo xa na comunidade ningún aviso por risco de vento, choiva ou nevadas, segundo a información que difunde a súa páxina web.

Río galego afectado pola crecida
Río galego afectado pola crecida | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

RESCATE

Por outra banda, bombeiros rescataron a unha persoa que quedou atrapada no seu coche en San Sadurniño por mor da crecida do río. O 112 confirmou que o único implicado saíu ileso e o seu coche foi retirado do lugar coa axuda dun guindastre.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular ás 21,45 horas deste xoves. Este alertaba de que unha persoa estaba atrapada no seu vehículo en Cornide, San Sadurniño, sen a posibilidade de avanzar ou retroceder debido á crecida do río.

CRECIDA DO TÁMEGA

Por outra banda, a crecida do río Támega obrigou a cortar a estrada que une os pobos da Pousa (Monterrei) e Vilela (Verín), en Ourense. Fontes de Protección Civil de Verín ratificaron que neste tramo de vía secundaria hai tres vivendas que quedan incomunicadas, xa que non se pode acceder a elas a través de ningunha estrada.

En todo caso, precisaron que se trata de segundas residencias que estarían sen ocupar neste momento. Ademais, son inmobles construídos en zonas elevadas, polo que tampouco hai risco de que se alaguen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta