A Xunta, primeiro goberno autonómico en Tik Tok

O Executivo de Rueda busca 'renovar' a súa forma de comunicar e chegar de forma máis dinámica e informal á mocidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

"Non somos fake". Así se presenta o Executivo que dirixe Alfonso Rueda no seu novo perfil institucional en TikTok. Coa súa creación, a Xunta convértese no primeiro Goberno autonómico de España en contar cun perfil institucional nesta rede social.

A Administración galega estreou este venres conta na rede social, dispoñible en 'https://www.tiktok.com/@xuntadegalicia', co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega.

Deste xeito, e aproveitando o amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook --cuxas contas suman máis de 320.000 seguidores--, o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital e por aumentar a difusión das iniciativas postas en marcha en Galicia nunha das redes sociais máis empregadas na actualidade pola mocidade.

Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar a maneira de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal.

LINGUAXE MÁIS PRÓXIMA

A páxina de TikTok chega para funcionar como un espazo de contidos especializados, especificamente traballados e de interese para o público da plataforma. Así, empregarase unha linguaxe máis próxima, afastada de termos técnicos e co estilo de comunicar propio desta plataforma, como se pode apreciar na primeira publicación do perfil.

Recomendacións culturais, novas convocatorias de axudas para a xente nova, receitas con produtos de proximidade ou vídeos de concienciación sobre violencia machista, ou o fomento do uso da lingua galega, por exemplo, serán algúns dos contidos que estarán dispoñibles nas próximas semanas nesta nova plataforma.

A Xunta terá un perfil institucional en TikTok
A Xunta terá un perfil institucional en TikTok | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta