Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 18:28
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou este mércores nunha nova sesión plenaria do Consello Galego de Mulleres, onde se abordaron os avances do II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, que estará aberto a achegas por parte das entidades que integran o órgano xa que, tal e como destacou a representante da Xunta de Galicia, será un documento "moi colaborativo co que se pretende avanzar na repartición das tarefas familiares de coidados entre mulleres e homes e reforzar o benestar laboral nas empresas".
Segundo explican nun comunicado, o deseño do documento parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e que "supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros".
Así, López Abella remarcou que o novo marco tratará de "dignificar o ámbito dos coidados, que normalmente recaen nas mulleres, reforzar o benestar laboral e os recursos de apoio para atender menores, maiores e a persoas dependentes".
"A necesidade de intensificar e consolidar as políticas públicas e as medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como a adaptación aos novos modelos de traballo emanados da pandemia, xustifican a necesidade de avanzar cun novo plan que teña en conta conceptos como o benestar laboral e promova, entre outras medidas, o progreso das mulleres nas súas carreiras profesionais e en esferas de decisión", explicou López Abella.
"Estamos a falar de impulsar un auténtico cambio no modelo que asuma a modernización dos servizos sociais, o recoñecemento e o apoio á diversidade das familias e a implicación das administracións públicas", sinalou tamén a secretaria xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.