Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2023 | Actualizada ás 19:15
Alvarellos Editora publicará na primavera unha biografía inédita sobre Manuel Murguía (1833-1923) que Lois Carré Alvarellos (1898-1965) escribiu en 1953, un mecanoscrito de 370 páxinas en galego.
Encadernado en dous tomos, Carré titulou a esta obra 'Murguía, ou patriarca. Estudo bio-bibliográfico do grande home'. Abarca desde o nacemento do intelectual ata inicios da década de 1880, pouco antes de falecer a súa esposa, Rosalía de Castro. Lois Carré, falecido en 1965, deixou inacabado este proxecto.
Agora, publicarase este inédito nun 2023 que coincide co centenario da morte Murguía, falecido o 1 de febreiro de 1923 na Coruña. Servirá para completar as dúas grandes biografías sobre Murguía ata a data: a realizada por Vicente Risco (1933) e a de Xosé Ramón Barreiro (2012). "A de Carré figura no medio das dúas e será unha peza fundamental para completar a visión de Murguía", comenta a profesora Olivia Rodríguez González, unha das especialistas que se ocupará, xunto con Esther García de Lucas, da coidada edición.
Lois Carré Alvarellos foi un dos 12 fillos de Uxío Carré Aldao e Purificación Alvarellos Pena, así como irmán de diferentes escritores. "Foron as súas dúas fillas, e herdeiras, de Lois Carré, Obdulia e Purificación Helena (xa falecidas) as que custodiaron a súa obra e, no seu día, depositaron en nós a biblioteca do seu pai. Lois Carré foi realmente un discípulo de Murguía, que decide homenaxealo con este exhaustivo traballo", relata García de Lucas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.