Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2023 | Actualizada ás 18:36
O PP reclamou no Congreso dos Deputados que o hidroducto de hidróxeno verde entre Guitiriz (Lugo) e Zamora sexa incluído entre os Proxectos de Interese Común da Unión Europea para obter fondos extraordinarios para a súa construción.
Os deputados por Galicia do Grupo Parlamentario do PP na Cámara baixa rexistraron unha iniciativa que pide esta inclusión, non recollida ata o momento na candidatura a estes proxectos elaborada polo Goberno central.
"Foi o Goberno de Sánchez quen deixou fóra a Galicia da rede para transporte do gas renovable na candidatura presentada ante a UE, prexudicando á cuarta comunidade autónoma con maior xeración renovable e con gran potencial para a obtención de hidróxeno verde", sinalou o deputado Diego Gago, segundo recolle un comunicado.
Os populares censuran que a infraestrutura para conectar as plantas de xeración proxectadas en Galicia e o resto de rede do Estado non estea contemplada, o que, para a tamén parlamentaria Tristana Moraleja, "é un novo golpe á competitividade da industria galega por parte do Goberno de España".
Deste xeito, reclaman "de urxencia" que se inclúa na candidatura este hidroducto entre Guitiriz e Zamora, que tería unha lonxitude de 318 quilómetros e suporía un investimento de 265 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.