Por Moncho Mariño | Santiago | 05/02/2023 | Actualizada ás 22:00
-Desde CEPESCA cal é a avaliación sobre a decisión da UE de eliminar de augas da Unión a pesca do arrastre de fondo en 2030?
En primeiro lugar quixera dicir que isto forma parte dunha campaña internacional por parte dalgúns grupos de presión e ONG´s que queren acabar co arrastre e que, ademais, investiron moitos millóns para conseguilo desde hai xa moitos anos. Agora viron que esta Comisión Europea (CE) lles é favorable ou sensible con estes temas e que lles están facendo caso. Daquela, o que se filtrou á prensa é o proxecto de Plan de Acción da CE que se publicará na semana do 21 de febreiro. Nese documento dise, entre outras cousas, que se aplicaría a prohibición do arrastre en determinadas áreas, non en todas, só en áreas mariñas protexidas. Estamos sorprendidos en que a CE insista porque, por unha banda, levamos case un ano con este tema, mesmo lles presentamos informes científicos. Tamén a propia CE presentou un informe sobre o impacto socio-económico que podería ter a prohibición. Presentamos todos os nosos argumentos en contra da medida e a pesar diso, pois parece que o vai propoñer. O informe feito pola Comisión di que se se prohibise o arrastre nas áreas xa protexidas, o impacto socio-económico sería superior aos 870 millóns de euros na UE. Se se fixese ese mesmo estudo en 2030, co 30% das augas declaradas protexidas, o impacto socio-económico multiplicaríase por tres. Por outra parte, nestas campañas os ecoloxistas o que fan é misturar información, como é habitual.
-Misturar información?
Están dando a impresión ao lector e ao lexislador de que as áreas mariñas protexidas son creadas exclusivamente para protexer sistemas mariños especialmente vulnerables. A realidade é que esas áreas protexidas, incluídas as de España baixo o amparo da Rede Natura 2.000 e outras figuras, son vulnerables e está prohibido pescar nelas con arrastre, mais outras áreas son para protexer aves, tartarugas ou cetáceos, elementos que non gardan relación co arrastre. Nalgúns deses lugares, os estados si permiten o arrastre e son zonas de pesca tradicional con arrastre. O fondo deses espazos son de area ou lama, onde non hai ecosistemas mariños vulnerables e nesas zonas hai especies que non se poden capturar doutra maneira, entre elas especies vasais ou algúns mariscos. É certo que se poderían pescar con outras artes, mais as cantidades serían moi pequenas e iso tería impacto no prezo do produto. Existe unha perversión da linguaxe querendo transmitir á sociedade de que, como se chaman áreas mariñas “protexidas”, aí non podes usar esa arte de pesca, algo que non ten pés nin cabeza.
O informe feito pola Comisión di que se se prohibise o arrastre nas áreas xa protexidas, o impacto socio-económico sería superior aos 870 millóns de euros na UE
-En canto se leve adiante esta prohibición, cantos barcos españois poderían deixar de pescar?
En primeiro lugar, non é unha prohibición, é unha notificación onde propoñen unha serie de obxectivos políticos, por dicilo dalgunha maneira, para deixar en mans dos estados membros o seu desenvolvemento. Nós esperamos que tanto o Consello como o Parlamento Europeo tomben esta notificación e que os obxectivos non saian para adiante. Aínda así, se saíse para adiante, un dato destacable é que España pesca cada ano entre 800 e 900.000 toneladas de peixe, 300.000 toneladas veñen do arrastre. Xa podemos imaxinar o impacto que tería nos pescadores, armadores, as comunidades pesqueiras arredor desta actividade e os consumidores. Todo isto só beneficiaría a importación desde terceiros países, pois nesa comunicación non se di nada respecto que se poñan as mesmas esixencias á pesca procedente doutros países. Por tanto, desde a UE estaríase encontra a soberanía alimentaria que tanto necesita a UE, hoxe por hoxe o 70% do que consome a Unión procede de importacións. De aplicarse a notificación incrementaríase a importación de produtos, cousa que vai contra a filosofía do propio tratado da Unión. E ademais, caeriamos no mesmo erro que cando a pandemia, dependermos de China para material sanitario e outros insumos ou o que pasa agora coa guerra de Ucraína onde se pode ver unha grande dependencia do gas. Isto mesmo pode acontecer cos alimentos, non só coa pesca. A agricultura e a gandería acabarían afectadas por todas estas políticas do pacto verde, do pacto medioambiental. Están pensando no medioambiente e esquecen as persoas, das empresas e dos traballadores. É unha sensación como de querer ser os mellores na aula exportando a débeda ambiental da UE. É como dicir “que contaminen outros mais nós xa lles compraremos os produtos alimentarios”, porque estamos falando de alimentos e iso non podemos esquecelo.
O fondo deses espazos son de area ou lama, onde non hai ecosistemas mariños vulnerables e nesas zonas hai especies que non se poden capturar doutra maneira
Embarcación da frota de arrastre | Fonte: EP- Arquivo
-Con todo, habería unha reducción da frota pesqueira?
Por suposto, se prohíben o arrastre desaparecería toda esa frota. En España temos un número de barcos pesqueiros que anda polos 8.700. A maioría son frotas artesanais de menos de 12 metros e buques de arrastre temos 849 segundo datos de 2021 que son barcos cunha grande produción.
-A actitude da UE co arrastre obrigaría aos buques arrastreiros trasladarse a outras áreas de pesca fóra da Unión?
A maioría deles acabarían no despece. Debemos pensar que a comunicación (sobre prohibición de arrastre) fai referencia ás augas da UE, no caso de España sería a nosa zona de explotación económica exclusiva e noutras da Unión. A nosa frota de arratre traballa no Golfo de Cádiz e no Cantábrico e no Mediterráneo. Aí é onde están esas áreas protexidas que queren crear, por tanto os barcos veríanse afectados directamente pois son barcos de costa, de baixura. Non son barcos que poidan ir a terceiros países, agás Marrocos que está aí ao pé. Logo, os que pescan en Irlanda e Francia tamén acabarían no despece. O de ir ao Índico, Atlántico Sur, etc, iso fano os grandes atuneiros conxeladores ou palangreiros de superficie, barcos de dimensións maiores.
-Armadores do norte de España alertaban mesmo do risco para o palangre tradicional. Está de acordo?
Creo que aí estase misturando dúas cousas. A CE aprobou o pasado ano un regulamento de execución polo que se establecía a prohibición de utilización de artes de fondo, incluíndo plangre de fondo, pincho, en 87 zonas determinadas de catro países, España, Portugal, Irlanda e Francia. A arte máis prexudicada foi o palangre de fondo. O arrastre nesas áreas non pescaba polo mesmo que dicía ante, nos sistemas degradables o arrastre nin pescamos nin queremos pescar, mentres que o palangre non ten impacto nesas áreas. Ao noso entender a CE fixo unha interpretación errada do regulamento de 2016 e mete todas as artes de fondo. Isto está recorrido diante dos tribunais da Unión Europea por parte dunha das nosas organizacións, OPP-7 de Burela e polo Goberno. Esperemos que os xuíces no seu momento, nos dean a razón. Había anunciada unha revisión para fin de ano, pola afectación a artes de fondo e en particular o arrastre e o palangre.
-Existe unha fronte común para frear esta posibilidade apuntada pola UE?
Si, creouse a Alianza Europea de Artes de Fondo, porque houbo un día que vimos ao secretario (de Pesca da Unión Europea) Sinkevicius na porta da Comisión Europea, cun grupo de ecoloxistas facendo unha foto coa pancarta “Ban Bottom Trolling” (prohibir a pesca de fondo). Iso chamounos moito a atención, que xa se vendese aos ecoloxistas e facendo declaracións nese sentido. Por iso creamos unha organización que representa organizacións de catorce países, no caso español estamos CEPESCA como a Comisión Nacional de Confrarías. Iso a nivel sectorial, a nivel político, esperamos que o noso goberno estea traballando con eses países para destacar a realidade do que ocorre e non o que contan os ecoloxistas.
En España temos un número de barcos pesqueiros que anda polos 8.700. A maioría son frotas artesanais de menos de 12 metros e buques de arrastre temos 849 segundo datos de 2021
-Hai uns días, o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, sinalaba que o veto ao arrastre de fondo é unha excusa para facilitar outras actividades nos lugares de pesca. Concorda con esta opinión?
Estamos vendo que detrás destas fundacións de EE.UU, e de Reino Unido que financian estas ONGs, quen está detrás delas son empresas do petróleo, dos minerais, etc. Non é casualidade, estamos competindo polos recursos naturais dos océanos. Nós somos un sector con historia, tradición e que subministramos alimentos e outros queren ocupar o noso espazo. Por iso dicimos “que casualidade” cando vemos detrás desas entidades a multimillonarios financiándoas e que finalmente estean actuando sobre o sector da pesca, pois non vexo que se actúe sobre outras industrias. No caso da eólica mariña, nós vemos que non se está actuando senón que a están favorecendo. Na mesma estratexia de biodiversidade, dise que dentro desas áreas protexidas promoverase a instalación de parques eólicos mariños. Se nos quitan a nós, poderán poñerse eles. Non temos nada contra a eólica mariña, mais non pode ser que se instale a costa dun sector como é a frota de baixura, un sector tradicional, por tanto que instalen os muíños onde non haxa pesca tradicional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.