Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 06/02/2023 | Actualizada ás 21:10
A D.O. Valdeorras vén de anunciar que no 2022 alcanzaron o récord de litros de viño cualificados, superando os 4,6 millóns –4.651.978 de litros--. Tendo en conta os rexistros da última década, a porcentaxe de viño cualificado aumentou nun 26,65% pasando dos 3.673.102 en 2013 á cantidade antes indicada.
Segundo sinalan dende o Consello Regulador, unha parte importante deste incremento ten que ver co interese en aumento que hai polo godello. En 2022, só desta variedade cualificáronse 3.148.145 litros. Este aumento de litros certificados de godello vai parello, evidentemente, do incremento de superficie plantada. Na última década pasouse de 306 hectáreas ás 559, un 83% máis.
VALORACIÓNS
O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, dálle especial valor ao esforzo do sector vitivinícola a prol da calidade para obter estes datos e lembra que tamén están axudando a este incremento de litros o interese de novos adegueiros, mesmo chegados de fóra, por elaborar viño na zona.
Pando aproveitou tamén para lembrar que a subida de prezo do viño ao longo destes anos tamén axudou. Segundo sinalou, “estase a comercializar nos mercados a un prezo considerablemente maior que tempo atrás… podemos dicir, sen lugar a dúbidas, que o prezo do quilo de uva godello, por exemplo, incrementouse nun 150% nos últimos 20 anos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.