Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 16:14
O Partido Socialista de Ourense defenderá no próximo pleno municipal, no mes de marzo, unha iniciativa coa que instan o Concello a retirar a simboloxía e nomenclatura franquista que subsiste na cidade, en cumprimento da Lei 20/2022 do 19 de outubro de Memoria Democrática.
O secretario de Memoria Histórica da Comisión Executiva Municipal do Partido Socialista, Xosé Lois Carrión, lembrou que esa lei recolle no seu Capítulo IV que "serán considerados elementos contrarios á memoria democrática, edificacións, construcións, escudos, insignias, placas e calquera outro elemento en edificios públicos ou na vía pública, así como as referencias en topónimos, nas rúas ou nas denominacións de centros públicos". Así pois, Carrión asegurou que o partido entende que os principios nos que se apoia esta norma "contribúen a fortalecer a democracia", motivo polo que defenderán esta moción.
Deste xeito, insisten na necesidade de "facer cumprir a lei" procedendo á retirada da simboloxía da Falanxe en forma de inscricións realizadas en pedra na fachada de numerosos edificios do barrio de Covadonga, en cumprimento do acordo adoptado pola Xunta de Goberno do 10 de marzo de 2022.
Ademais avogan tamén polo cambio de nome de cálea Alférez Provisional, un título que segundo explicou o defensor da moción, o edil Rafa Villarino, "é símbolo de sublevación militar" e o da praza Eugenio Montes, "unha das figuras que participou na creación teórica da Falanxe".
Solicitan ademais a colocación dunha placa explicativa da estatua do Anxo Caído de Francisco Asorey, no Parque de San Lázaro, que "enxalza aos caídos do bando sublevado", unha cuestión que para os socialistas é "antidemocrática" e "require un esforzo de pedagoxía".
Así mesmo, a formación pide un censo municipal de elementos contrarios á Lei de Memoria Democrática que inclúa, entre outro, "a gran placa da fachada da praza da Polvoreira", "o emblema do Sindicato Vertical franquista" ou as placas con similar simboloxía nos barrios da Cuña e O Couto.
Os socialistas esgrimiron que os puntos da moción poderían ser debatidos na Comisión de Memoria, un órgano con competencias relativas ás intervencións de nomenclatura e simboloxía franquista, cuxa creación foi aprobada en pleno, "pero aínda non se puxo en marcha", do mesmo xeito que o Consello Municipal de Memoria Histórica, aprobado en novembro de 2018. "Se existise este foro, todas estas cuestións terían lugar dentro", lamentaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.