A aposta galega para o Perte agroalimentario: un proxecto de transformación do sector lácteo de 25 millóns

Rueda agarda que non se repita "a mala experiencia" do Perte de automoción e reitera a súa preocupación "pola baixa execución dos fondos europeos"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/02/2023 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Os distintos axentes implicados traballan en Galicia en 'Smartz4milk', un proxecto tractor para a convocatoria do Perte agroalimentario que, enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea, contempla un investimento --aínda pendente de pechar-- que roldará previsiblemente os 25 millóns de euros.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esgrimiu que se trata dun proxecto tractor "forte, sólido e potente', durante a súa participación este mércores no 'Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario'. O presidente lamentou que o sector da conserveira queda "fóra" da convocatoria e garantiu que a Xunta seguirá reclamando que se lles dea "cabida".

Máis aló, no encontro participaron outros axentes implicados no desenvolvemento deste proxecto, entre eles representantes do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Fontes do Clúster confirmaron que o proxecto tractor 'Smartz4Milk-Cadea de Valor Láctea, Intelixente, Trazable, Sustentable e Conectada' contará coa participación de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos, xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia.

E en concreto, participan oito industrias lácteas que, ademais, son socias de Clusaga: Grupo Leite río, Leite Celta, Corporación Alimentaria Peñasanta Capsa-Larsa, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas Clun, Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, Queizuar e Queixería Prestes.

OBXECTIVOS DE 'SMARTZ4MILK'

Entre os obxectivos que recolle este proxecto --que se presentará a mediados de marzo, cando se pecha o prazo--, están o de desenvolver un proxecto "altamente tecnolóxico desde o sector e para todo o sector" que permita transformar a industria láctea a nivel de Galicia e España.

Tamén dotar ao sector de ferramentas competitivas para abordar de forma "eficiente" a adaptación e mitigación do cambio climático e abordar un impulso "esencial" á transformación dixital da industria a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e a xestión "eficiente" de plantas "a través de mantemento predictivo".

Rueda participa no 'Foro Next Generation Galicia' do Perte agroalimentario.. Xunta de Galicia
Rueda participa no 'Foro Next Generation Galicia' do Perte agroalimentario.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press


"QUE SE FAGA XUSTIZA"

O presidente da Xunta cualificou de "oportunidade inmensa" optar ao Perte Agroalimentario, xa que lembrou que conta cunha partida de case 1.500 millóns de euros, pero lamentou que tivese que pasar un ano desde a súa aprobación ata que se publicou a convocatoria.

Asegurou que o único que espera é "que se faga xustiza" e manifestou o seu desexo de que non se repitan "malas experiencias" doutros Perte, en referencia ao da automoción que deixou fóra na súa primeira convocatoria a Stellantis. E en termos xerais, reiterou a súa preocupación pola baixa execución dos fondos europeos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta