Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2023 | Actualizada ás 15:16
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), acolle desde hai uns días nas súas instalacións á tartaruga Ferdylan, capturada accidentamente por un pesqueiro no litoral de Cariño e que permanecerá alí ata que poida ser devolta ao mar. Así, nestas instalacións hai neste momento dúas tartarugas en proceso de rehabilitación, xa que desde finais do ano pasado está alí 'Nemiña'.
Ferdylan é unha tartaruga común (caretta caretta), que superou a revisión inicial do equipo veterinario da Rede de Varamentos de Galicia e pasou cinco días na UCI que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en Nigrán antes de ser trasladada ao Igafa. Nesa avaliación, comprobouse que non presentaba danos apreciables e que era capaz de alimentarse soa.
Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Ademais, conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto dependente da Xunta. De feito, este tipo de estancias adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.
Ferdylan, do mesmo xeito que Nemiña, permanecerá en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez terminada a súa recuperación, devolverase ao medio natural. Con ela, o centro participou na recuperación de cinco tartarugas e 13 lobos mariños desde 2013.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.