Teo, de bastión do nacionalismo, a epicentro de escisións e dimisións

Tras a escisión do BNG de Martiño Noriega pola ruptura de Amio, o Bloque leva tres dimisións dos seus cabezas de lista nos últimos anos, a última a que ía ser a candidata nas municipais e que xa fora presentada por Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2023 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista de Teo celebrará este xoves unha asemblea local coa intención de aprobar o primeiro tramo da lista para as municipais do próximo 28 de maio e para situar a unha persoa de novo á fronte da candidatura tras a dimisión da xa presentada candidata, Patricia Castelao. É a terceira dimisión dun voceiro nacionalista desde a escisión protagonizada no seu día por Martiño Noriega que deixou o BNG tras a división da asemblea de Amio.

A agora dimisionaria, a pouco máis de tres meses para as eleccións, foi presentada como cabeza de lista pola propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto coincidindo co festexo do San Martiño en Teo, municipio simbólico para o nacionalismo e clave na comarca compostelá.

Da dimisión de Patricia Castelao informou a propia dirección local do BNG de Teo o pasado sábado, alegando motivos persoais da que agora era tamén portavoz municipal do BNG na corporación local. Fontes da dirección local consultadas por Europa Press indicaron que a intención que ten a edila é continuar na corporación ata o final do mandato.

Aínda que estas mesmas fontes aseguran que a dimisión se debe a motivos persoais, outras voces da asemblea local de Teo atribúen a saída de Patricia Castelao ás discrepancias internas que vén arrastrando o BNG desta localidade. De feito, ven o terceiro cambio neste mandado á fronte da formación "un desastre absoluto" que debería supor a "asunción de responsabilidades" por parte da dirección local.

PRAZA SIMBÓLICA DO NACIONALISMO

Teo é unha das prazas simbólicas para o nacionalismo. Historicamente tratouse dun bastión do PP coa destacada figura de Armando Branco -- falecido en 2015--, pero que o Bloque conquistou en 2007 e, da man de Martiño Noriega, a formación nacionalista logrou a maioría absoluta nas eleccións de 2011.

Con todo, antes de que se cumprise ano, a lexislatura deu un xiro pola escisión dos 'irmandiños', capitaneados por Xosé Manuel Beiras e o propio Noriega, do BNG tras a asemblea de Amio de 2012 e, por tanto, Teo pasou a contar cun goberno en minoría ano despois de conseguir o histórico resultado.

Desde entón, a formación nacionalista permaneceu na oposición, aínda que o goberno local en mans de Rafa Sisto, de Anova e que se presentou cunha das candidaturas da confluencia en 2015 --con Noriega á fronte doutra lista de 'mareas' na capital galega-- e 2019 --Son de Teo--, ofreceu pactos ao BNG. De feito, coa ruptura de coalición cos socialistas, chegouse a ofrecer entrar no goberno local, pero a asemblea local nacionalista non aceptou.

Teo vive aínda as consecuencias da escisión do BNG a nivel 'nacional'. Non en balde, os dous portavoces locais que tivo a formación no Concello, Manuel Anxo Fernández Baz e Manolo Barreiro, deixaron os seus cargos este mandato e, segundo fontes consultadas por Europa Press, aínda que oficialmente alegáronse motivos persoais, detrás están tamén as diferentes visións da asemblea local.

De feito, segundo as fontes consultadas por Europa Press, houbo intentos de diálogo entre 'ex' compañeiros de formación nacionalista coa mirada posta no 28 de maio, pero o BNG local asegura que esta cuestión non se levou á asemblea.

Presentación de Patricia Castelao en Teo, que agora dimitiu como candidata. Na foto, de arquivo, acompáñalle a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.. BNG
Presentación de Patricia Castelao en Teo, que agora dimitiu como candidata. Na foto, de arquivo, acompáñalle a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta