Sepias, polbos e luras reforzan a seguridade alimentaria

Así o acredita unha investigación da USC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2023 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Un estudo liderado por científicos do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus) revelou que os cefalópodos teñen unha "notable importancia nutricional e cultural" que contribúe a reforzar a seguridade alimentaria humana.

A investigación, publicada na revista People and Nature aborda a necesidade de entender mellor o sistema alimentario de diversas especies de cefalópodos, como os polbos, as luras e as sepias a través da exploración das conexións entre as contribucións da natureza ás persoas, as políticas do sistema alimentario e o benestar humano.

O traballo apunta a catro factores chave relacionados con cefalópodos cara a unha maior seguridade alimentaria: o valor de novas especies de alimentos acuáticos, sistemas de seguridade de alimentos, innovacións baseadas no lugar de orixe e o comportamento de consumidores cara á sustentabilidade ambiental.

Nesta liña, o estudo realiza unha revisión bibliográfica global de traballos vinculados aos factores do mercado que inflúen na captura, comercio e consumo do sistema alimentario dos cefalópodos.

A abundancia destas especies, que sufriron unha expansión nas pescaderías nos últimos 50 anos, vese afectada os efectos ambientais como o cambio climático, que, segundo os investigadores, "aumentan a incerteza ao redor da súa sustentabilidade e dispoñibilidade como recurso alimentario".

Por tanto, os participantes no estudo aseguraron que para comprender o funcionamento deste sistema hai que ter en conta a relación entre a produción e o consumo e transformala cara a sistemas "máis sustentables e equitativos".

Un estudo liderado pola USC revela que os cefalópodos reforzan a seguridade alimentaria
Un estudo liderado pola USC revela que os cefalópodos reforzan a seguridade alimentaria | Fonte: Santiago Alvite

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta