Pontevedra volverá licitar o contrato de xestión de residuos tras un recurso dunha empresa ligada a Cáritas

Cuestionaba que o Concello non reservase a recollida de téxtiles para empresas de economía social

Por E.P. | Pontevedra | 28/02/2023 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O concelleiro responsable de residuos urbanos, Raimundo González, informou de que o Concello de Pontevedra volverá licitar o contrato da xestión de residuos de competencia municipal.

O Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) pronunciouse sobre os dous recursos que se presentaron a este contrato estimando a reclamación presentada pola empresa Moda Re-, vinculada a Cáritas e dedicada á xestión integral da roupa usada.

Moda Re- cuestionaba que o Concello non reservase a recollida de téxtiles para empresas de economía social, contemplando unicamente esa posibilidade como unha subcontrata, polo que agora deberá excluír os téxtiles deste contrato. "Isto é unha cuestión moi colateral", indicou Raimundo González, restándolle importancia a este revés xa que "en todo o cómputo do contrato pode supor uns 50.000 euros ao ano".

Colectores para recollida selectiva
Colectores para recollida selectiva | Fonte: Wikipedia.

RECURSO REXEITADO

O outro recurso, que foi rexeitado por parte do Tacgal, fora presentado pola Asociación de Empresas de Limpeza Pública e Coidado do Medio Ambiente Urbano (ASELIP), unha entidade que actúa como "un lobby ou un cártel" e que está integrada polas principais empresas do sector.

Aselip puña en cuestión o equilibrio económico da concesión, o sistema de recollida, o cumprimento dos obxectivos da propia lei, entre outros factores que, "de darlle a razón implicaría empezar de novo o contrato".

Con todo, o Tacgal "desestima na súa integridade, punto por punto, o recurso presentado pola Asociación de Empresas de Limpeza Pública", segundo explicou o concelleiro. "No fondo está a recoñecer a viabilidade e a adecuación do contrato a un novo modelo de xestión dos residuos municipais", valorou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta