Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 19:06
Podemos Galicia acusou este xoves á Xunta de deixar á provincia de Ourense "fóra" da creación de centros 24 horas para vítimas de violencias sexuais. Nun comunicado, a formación morada denuncia que, a pesar dos anuncios de febreiro de 2022, ata este mes non se anunciaron os proxectos para abrir estes centros nas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, "deixando así fóra á provincia de Ourense".
En concreto, en resposta a unha pregunta formulada polo PPdeG no pleno da Cámara galega celebrado esta semana, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, detallou que os departamentos autonómicos de Igualdade e Sanidade asinaran un acordo para habilitar eses espazos durante as 24 horas dos 365 días do ano empezando polas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, co obxectivo de estendelas ás outras tres restantes.
Tras iso, este xoves, a secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, Andrea Obenza, criticou que Ourense quede "fóra", especialmente cando "xa foron transferidos á Xunta 4,7 millóns" a pesar de que a Xunta cifrou en "tan só dous" millóns a transferencia para a posta en marcha do citados catro centros.
"Non se trata dunha cuestión económica, xa que nin tan sequera están a investir a metade do diñeiro transferido para a súa creación. Parécenos, ademais, moi difícil de xustificar politicamente tendo en conta que a Xunta xa anunciou a posta en marcha destes centros en xaneiro do pasado ano", sostivo.
Por último, a formación morada puxo en valor a partida "histórica" de 13,2 millóns anunciada pola ministra de Igualdade, Irene Montero, para combater as violencias machistas, "dentro da que se inclúe, ademais, unha ampliación do financiamento para estes centros". "Todo o que ten que facer a Xunta é empregar o diñeiro que se lle transfire", sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.