Por E.P. | VIGO | 13/03/2023 | Actualizada ás 12:57
Os aeroportos de Vigo e de Santiago de Compostela superaron en febreiro en número de viaxeiros rexistrados no mesmo mes de 2019, antes do estalido da pandemia do coronavirus, mentres que o aeródromo da Coruña continúa aínda con datos inferiores a ese ano.
Segundo as cifras publicadas este luns por Aena, o aeroporto de Lavacolla Rosalía de Castro contabilizou 194.488 pasaxeiros o mes pasado, un 17,8% máis que en febreiro de 2019, superando así "un mes máis os datos previos á pandemia grazas ao dinamismo que vén mostrando tanto o tráfico nacional como internacional nos últimos meses".
Deste total, 193.986 viaxeiros proceden de voos comerciais, con máis de 150.000 que viaxaron en traxectos nacionais, un 9,6% máis, e 43.319 fixérono en ligazóns internacionais, un 65% máis. En canto ás operacións, o aeroporto compostelán rexistrou 1.573 voos en febreiro, un 15,7% máis que en 2019. Ademais, a terminal de carga xestionou durante o pasado mes máis de 368 toneladas de mercadoría, un 55,2% máis.
VIGO
Pola súa banda, Peinador rexistrou 76.149 pasaxeiros en febreiro (+6,9%, sempre respecto de febreiro de 2019) e 1.162 operacións (+34%). Así mesmo, contabilizou 44 toneladas de mercadoría, quedándose no 91,4% do que conseguiu en febreiro de 2019, sen alcanzar aínda niveis previos á pandemia.
Nos dous primeiros meses de 2023, a infraestrutura viguesa moveu 150.382 pasaxeiros, un 5,1% máis, con 2.382 voos, un 39,8% máis. A carga transportada aínda queda lonxe dos datos de 2019, cunha recuperación do 82,5%, ata 74 toneladas.
A CORUÑA
Con todo, Alvedro contabilizou 86.102 pasaxeiros en febreiro, recuperando nun 94,7% do tráfico de antes da pandemia, pero quedando así aínda con cifras inferiores. O número de operacións foi de 1.266, o que implica unha recuperación de máis de 96,5% respecto ao mesmo mes de 2019. As mercadorías transportadas quedan aínda no 52,3% da carga soportada antes da pandemia.
No que vai de ano, na Coruña rexistráronse 168.726 viaxeiros, un 92,7% do total que se contabilizou entre xaneiro e febreiro de 2019. Os movementos chegaron aos 2.370, un 93,4% se se compara con antes da pandemia e a carga transportada superou as 14 toneladas, cunha recuperación do 54,3%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.