Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 16:08
A Facultade de Medicina da capital galega trasladará ao consello de goberno da Universidade de Santiago de Compotela (USC), que se celebrará a finais de mes, unha proposta para aumentar ata o total de 403 prazas a oferta do Grao en Medicina.
Así o confirman a Europa Press fontes da universidade, despois de que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciase este venres, tras o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado en Palma de Mallorca, que as universidades públicas españolas terán 751 prazas máis o próximo curso desta carreira grazas a unha partida de 52 millóns de euros recollida nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023.
A previsión para todo o Estado é ter un 15 por cento máis de postos deste grao o próximo ano, o que na facultade de Santiago --a única que oferta Medicina en Galicia-- traducirase en que pasarán de 350 do curso actual --aínda que logo o número real de matriculados é superior-- a 403 as prazas ofertadas en primeiro curso. Esta será a proposta da universidade que, unha vez reciba 'luz verde' do seu consello de goberno, terá que ter o probable visto e prace da Xunta.
Por parte do Goberno galego, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que participou o venres no Consello Interterritorial, insistía en que o "principal" problema do Sistema Nacional de Saúde, que é a falta de médicos de Atención Primaria, "segue sen resolverse" a pesar desta medida do aumento de prazas nas facultades.
En declaracións remitidas aos medios tras o encontro en Palma, García Comesaña apuntaba a esta "falta de especialistas", principalmente de Medicina Familiar e Comunitario, e de capacidade formativa MIR dos centros de saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.