Ana Miranda reúnese en Buenos Aires e Montevideo coa colectividade galega para abordar a súa situación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visita Buenos Aires e Montevideo nunhas xornadas de traballo que inclúen encontros coas colectividades galegas co obxectivo de abordar a súa situación actual, así como a "falta de substitución nos centros galegos".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Federación de Asociacións Galegas en Arxentina. Buenos Aires.. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Federación de Asociacións Galegas en Arxentina. Buenos Aires.. BNG | Fonte: Europa Press

Así, segundo trasladou o Bloque, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG reuniuse xa co presidente en funcións do Centro Galego de Buenos Aires, Ramón Suárez, e visitou tanto o Colexio Santiago Apóstolo como o Centro de Asociacións Galegas de Arxentina.

"É necesario que teñamos a sensibilidade suficiente para visitar os centros que acolleron a tantos e tantos emigrantes galegos en situacións terriblemente duras", sinalou. O domingo está previsto que Miranda acuda en Montevideo ao congreso do Movemento de Participación Popular (MMP), no que, xunto a máis de 1.500 congresistas, está prevista a participación do expresidente José Mújica.

Ademais, a eurodeputada nacionalista manterá un encontro cos socios e funcionarios de Casa de Galicia, cos que abordará os problemas derivados do peche da obra sanitaria e social de Montevideo, fundada por emigrantes galegos fai máis dun século. Tamén en Montevideo manterá un encontro coa directiva do novo centro galego A Casa de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta