Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/03/2023 | Actualizada ás 11:18
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións polas que se fan públicos os acordos dos tribunais relativos á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos para o ingreso en 23 categorías de persoal estatutario.
Son un total de 675 profesionais que, en breve, se incorporarán ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego. Do total de aspirantes seleccionados, 21 corresponden a categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial (3), cirurxía pediátrica (5), cirurxía plástica, estética e reparadora (5), inmunoloxía (2) e oncoloxía radioterápica (6).
Nas categorías de persoal de xestión e servizos os aspirantes seleccionados pertencen as seguintes categorías: calefactor (37), cociñeiro (24), condutor (12), costureiro (21), electricista (38), fontaneiro (18), lavandeiro (39), mecánico (19), pasador de ferro (45), pinche (278), técnico de farmacia (5) e telefonista (33).
Tamén figuran seleccionados 24 aspirantes das categorías de persoal informático: técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (8), técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (12), e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4). Finalmente, a categoría de traballador social incorpora 46 profesionais, logopeda (4) e terapeuta ocupacional (11).
Do total de aspirantes seleccionados, 535 accederon pola quenda de acceso libre, 66 accederon pola quenda de promoción interna, 30 pola quenda de discapacidade xeral e 44 pola quenda de discapacidade intelectual.
O 64,17 % son mulleres e un total de 630 xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, o que representa unha porcentaxe do 93,2 %.
Un total de 9 persoas, o que representa o 1,33 %, teñen a súa residencia fóra de Galicia.
As listas coa puntuación definitiva da fase de concurso atópanse publicadas, por orde de puntuación e quenda de acceso, a disposición dos usuarios na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o resultado da baremación definitiva pode ser consultado no apartado de procesos en FIDES/expedient-e.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.