Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2023 | Actualizada ás 18:24
A Deputación da Coruña achegará 150.000 euros ao Rácing Club de Ferrol, que milita na categoría Primeira Federación de fútbol, para que promocione a provincia como destino turístico. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este xoves o estadio da Malata acompañado polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente do club ferrolán, José María Criado.
Todos eles, xunto a técnicos e xogadores do primeiro equipo, pousaron para unha foto de familia coa nova camiseta do club, que incorpora un eslógan promocional da Deputación coruñesa.
"O convenio consiste nun paso máis no apoio ao que son os tractores do deporte na provincia da Coruña", asegurou González Formoso, que destacou que tanto Racing de Ferrol como Deportivo "están agora mesmo dando un nivel moi alto que está a servir e serve para que moitos mozos practiquen deporte na provincia".
En canto a este acordo, detallou que "é un primeiro paso para promocionar a provincia por toda España", ao que seguirá un posterior entre deporte o deporte de base e deporte profesional que será formalizado con Racing de Ferrol e Deportivo.
OBRAS
En canto ás obras que se están desenvolvendo no estadio da Malata, sufragadas pola Deputación da Coruña, González Formoso estimou que estarán listas para o partido contra o Deportivo, que terá lugar o fin de semana do 15 e 16 de abril.
O presidente provincial volveu a reclamar a colaboración da Xunta para a remodelación do estadio. "É imposible afrontar unha instalación que leva tantos anos, digamos que ben xestionada, pero mal mantida", sinalou.
"Do mesmo xeito que fai investimentos na Coruña, en Vigo, en Lugo, en Pontevedra, que as faga en Ferrol tamén, xa que os seus veciños non teñen que estar castigados", incidiu antes de apuntar que "como mínimo" a Xunta debería achegar "o mesmo" que a deputación.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol quixo agradecer "unha vez máis" á Deputación da Coruña que faga unha aposta por Ferrol". "Non se pode asumir a discriminación que a Xunta de Galicia ten con Ferrol no ámbito deportivo, algo que están a sufrir os ferroláns", engadiu o rexedor.
Por último, o presidente do Racing de Ferrol, José María Criado, agradeceu "o labor do Concello e da Deputación, que sempre nos acolleron con moito agarimo e esta é a maneira de facer cidade e que o club vaia para arriba".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.