O Pleno do Concello de Santiago aproba apoiar a ILP para a restauración do texto do himno galego

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2023 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou unha moción conxunta para mostrar o seu apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, que impulsan as plataformas Vía Galega e Galiza Cultura. Este acordo plenario contou cos votos a favor de PSOE, CA, BNG, do concelleiro non adscrito e mais a abstención do PP.

Partitura de Pascual Veiga co himno galego de Pondal
Partitura de Pascual Veiga co himno galego de Pondal

Ao inicio do Pleno, interveu Anxo Louzao en representación de Vía Galega e Galiza Cultura para expor o contido desta ILP. O texto da moción recolle que o Parlamento galego, en 1984, consciente da importancia e do alto valor institucional e social dos símbolos como o escudo, a bandeira e o himno oficializou o Himno no artigo 4 da Lei de Símbolos coa composición «Os Pinos», poema de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga.

Porén, o texto aprobado “non recolle as estrofas do poema «Os Pinos» da fonte orixinal pondaliana, senón que se basea nunha deficiente versión editorial realizada en 1935, no centenario do nacemento do poeta”. “O feito de esa edición ter herdado os erros e deturpacións textuais acumulados desde había anos explica o texto oficial do himno, que cómpre recuperar e actualizar catro décadas após a promulgación da Lei de Símbolos”, engade o documento.

Desde Vía Galega e Galiza Cultura agradecen este acordo da Corporación municipal de Compostela e animan aos demais concellos e institucións a sumárense a esta iniciativa para a restauración da letra orixinal do himno galego, para favorecer a correcta difusión dos símbolos do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta