A bandeira xitana ondeará nun edificio institucional en Pontevedra

Será no balcón da Casa da Luz con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 31/03/2023 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e os concelleiros de Benestar Social e de Igualdade, Marcos Rey e Yoya Blanco, participarán o vindeiro luns 5 nun acto reivindicativo consistente no despregue da bandeira xitana no balcón da Casa da Luz. Será no marco do programa conmemorativo organizado arredor do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano.

Acto conmemorativo celebrado en 2022 con Marcos Rey e Yoya Blanco coa Fundación Secretariado Xitano
Acto conmemorativo celebrado en 2022 con Marcos Rey e Yoya Blanco coa Fundación Secretariado Xitano | Fonte: remitida

Neste 2023 preténdese poñer o acento sobre graves casos de antixitanismo como os que sofreron algunhas familias xitanas de Peal de Becerro (Xaén) e Íllora (Granada) o pasado verán, nos que, tralo acoso e persecución dos seus veciños, familias enteiras se viron obrigadas a deixar as súas casas. Unha situación que, como denuncia a Fundación Secretariado Xitano, "resulta recorrente contra o conxunto de familias xitanas dunha localidade cando se produce algún acto delituoso que puidese cometer algún dos seus membros, tal e como ocorreu anteriormente en Estepa, Castellar ou Martos".

Así o quere poñer de manifesto o colectivo a través dunha declaración institucional que pretenden levar para a súa lectura ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal e na que, nun contexto no que o pobo xitano continúa a vivir moitas dificultades, tamén se subliñará a importancia de "seguir traballando en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e antixitanismo e avanzar en dereitos, oportunidades e cidadanía para os xitanos e xitanas de España e de Europa".

Neste sentido, o concelleiro socialista Marcos Rey, destaca que o 8 de abril "é un día para recoñecer a contribución que os xitanos e as xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida e de dar un paso adiante na loita pola igualdade de oportunidades e de dereitos das persoas xitanas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta