Por Galicia Confidencial | Allariz | 02/04/2023 | Actualizada ás 20:40
Allariz inicia a conta atrás para a celebración da Festa do Boi 2023 que terá lugar do 3 ao 11 de xuño.
Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados pola alcaldesa, Cristina Cid, presentaron este pasado 31 de marzo a imaxe e programación desta nova edición. No acto, celebrado na Fundación Vicente Risco, estivo presente Antonio Blanco, representante da Fundación Vicente Risco.
Froito dunha colaboración entre as dúas entidades co gallo do 60 aniversario da morte de Vicente Risco, a Festa do Boi deste ano poderá usar na cartelería, nos programas de actividades e no material comercial --camisetas, panos-- debuxos de Vicente Risco que representan gando vacún, feiras ou escenas do rural.
Ademais, coincide tamén que neste 2023 cúmprense os 40 anos da recuperación da Festa. Corría o ano 1983, cando un grupo de mozos alaricanos decidiron recuperar a tradición de ver como un boi percorría as rúas de Allariz, lembranbo aquel episodio da historia no que Xan de Arzúa montado neste animal axotaba aos xudíos para que respectasen a procesión na festividade do Corpus.
Na presentación, a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, quixo subliñar "a importancia de saber de onde xurde a Festa e cara onde se quere ir para que actividades coma esta se consoliden no paso do tempo”. Así mesmo agradeceu aos membros da Asociación Cultural Xan de Arzúa a súa implicación altruísta na Festa. “É unha festa organizada por persoas de Allariz para Allariz”, concluíu.
PROGRAMACIÓN
Do 3 ao 11 de xuño desenvolveranse máis de 50 actividades nas que non faltará a música, o teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi.
Apostando polo carácter cultural e histórico da festa, a organización potenciará, como vén facendo estos anos, actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.
Para a cativada tamén hai alternativas de lecer como serán as saídas do boi infantil, o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, o Pistaboi, a merenda infantil e unha actuación o mércores a tarde.
A música terá tamén un protagonismo especial para acompañar na celebración con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, e os tradicionais Zés Pereiras, entre outros.
UNHA FESTA AUTOXESTIONADA
A Festa do Boi conta cuns 82.000 euros, cartos que están sufragados pola achega voluntaria de entidades colaboradoras, dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.