Sánchez Bugallo tras a denuncia do PP polo caso Pichel: "Utiliza sempre as mesmas tácticas"

Os socialistas lembran que é a terceira vez que os populares "fan este intento" e din que é unha "estratexia electoral"

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/04/2023 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago e líder dos socialistas na cidade, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que o momento no que o Partido Popular presentou a denuncia polo caso Pichel "sen dúbida é unha estratexia electoral", xa que "é un tema sobradamente coñecido" e preséntano "xusto o día que se convocan as eleccións municipais".

O PP de Santiago presentou este luns ante a Xustiza denuncia polo aluguer por parte do Concello da capital galega dunha nave da empresa Desproi, situada no Polígono Costa Vella e vinculada ao exconcelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, para acoller servizos dos departamentos de Parques e Xardíns e de Medio Rural. Os feitos transcenderon no mes de xaneiro, o que fixo que Pichel presentase a súa dimisión.

Sánchez Bugallo, que respondeu aos medios este martes antes da entrega da Medalla do Parlamento galego á cooperación transfronteiriza, insistiu en que "cando se recorre a estas estratexias é porque non se confía en convencer ao electorado" . Deste xeito, en referencia ao caso, Bugallo destacou que "todo é perfectamente coñecido, está estudado e é transparente". Ademais, indicou que "todos os grupos teñen copia do expediente".

O rexedor local lembrou que "é a terceira vez" que o Partido Popular "fai este intento", algo que "xa fixo en mandatos pasados e con candidatos anteriores". Así, sentenciou que "se ve" que o PP "segue con esas mesmas tácticas".

TAMÉN NO FOCO DE COMPOSTELA ABERTA

Sobre este asunto tamén foi preguntado, ao termo da Xunta de Portavoces do Parlamento, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen asegurou descoñecer os termos exactos da denuncia e remitiu ao grupo municipal. En todo caso, Puy incidiu en que o PP non é o único que puxo o foco no caso, senón que tamén o fan grupos "que apoian ao goberno", en referencia a Compostela Aberta.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este luns en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, este luns en rolda de prensa.. CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta