O sector do mexillón fala dun novo "Prestige" con 70 millóns en perdas e 5.000 empregos perdidos

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos ponse á beira dos 'bateeiros' para facer "todo o necesario" para cambiar a situación no problema cos percebeiros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2023 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), en colaboración coa Asociación de Produtores de Mexillón da Illa de Arousa, elaboraron un estudo segundo o cal, no caso de que non se chegue a solucionar o conflito pola extracción de mexilla, a produción dos 'bateeiros' verase reducida en 2023 nun 50% respecto ao exercicio anterior.

O presidente de UPTA, Eduardo Abad, sinalou que as 3.300 bateas existentes en Galicia produciron o ano pasado 140 millóns de euros, polo que "se se mantén o impedimento de ir recollela, perderanse 70 millóns". Esta perda, engade Abad, "vai ter un reflexo automático" non soamente no sector mexilloeiro --"e non esquezamos que é a primeira industria do mar en Galicia", lembrou--, senón no conxunto da actividade económica de todos os municipios que viven de cara ao mar.

Ademais da diminución do 50% na produción, UPTA considera que o mantemento da actual situación carrexaría tamén a perda de 5.000 postos de traballo directos e indirectos no sector da extracción, transformación e comercialización do mexillón, así como a desaparición de 2.500 pequenos negocios nos municipios das rías galegas.

COMPARABLE AO PRESTIGE

Ante esta situación, apuntou Eduardo Abad, "o primeiro que quere facer UPTA é denunciar unha situación que vai ser moi comparable á que se produciu coa catástrofe do Prestige". Para o presidente dos autónomos, a situación de confrontación entre mexilloeiros e 'percebeiros' "ninguén a entende". Abad lembrou que "historicamente houbo unha perfecta aliñación de intereses entre ambos".

Ante esta situación, UPTA insiste en que as consecuencias do conflito provocado pola extracción da mexilla non se circunscriben ao sector do mexillón. O seu presidente asegura que "se confunde quen pense que só é un problema da xente do mar. Vaise a paralizar a vida económica de moitas comarcas".

"A quen afecta este conflito?", preguntouse Eduardo Abad. "Primeiro, loxicamente ao sector extractivo, pero tamén ás depuradoras, ao transporte, a talleres de reparación, ao comercio, á hostalaría, aos mercados locais... Afecta a todo o mundo", relatou.

PARALIZAR GALICIA

Para Eduardo Abad, se estivesen en risco 5.000 postos de traballo nalgunha das grandes fábricas que producen bens de consumo, "a Xunta de Galicia envorcaría todos os seus esforzos para que esa fábrica non pechase". Neste sentido, asegurou non entender que no caso dos mexilloeiros "desde a Xunta estea a crearse un problema onde non o había".

Unha manifestación anterior do sector bateeiro en Santiago de Compostela
Unha manifestación anterior do sector bateeiro en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta