A Semana Santa vista por ateos e laicos, por que a Igrexa segue tan presente nas nosas vidas?

A Semana Santa é unha celebración que perdeu para moita xente o sentido relixioso-oficial que representaba en Galicia até hai só unhas décadas. A día de hoxe, diante dunha sociedade cada vez máis desentendida das cuestións relixiosas, os grupos laicos e de ateos, aínda que con certas diferenzas, apuntan a grande contradición que é sacar os pasos de procesión nun estado considerado aconfesional mais que entrega dotacións económicas á Igrexa católica mediante os concordatos asinados co Estado.

Por Moncho Mariño | Santiago | 06/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Igrexa católica aínda mantén unha forte presenza dentro da sociedade, a pesar de que os datos presentes no barómetro do CIS en marzo de 2023 apuntan un 35,8% de católicos non practicantes. Dentro do mesmo documento os ateos representaban algo máis dun 15%, unha cifra que representa o triplo de persoas declarándose ateas hai corenta anos mais en números aproximados. Outro dato é o 12,5% de persoas non crentes ou indiferentes ante o feito relixioso e a mesma porcentaxe para quen se declara agnóstico, 12,5%. Con estas cifras pode deducirse que a Igrexa católica no Estado vai perdendo peso. E con todo, as manifestacións de relixiosidade como son as procesións de Semana Santa, manteñen unha presenza notoria nas rúas e outros espazos públicos que oficialmente “son de todos e todas”.

Procesión de Semana Santa en Cangas
Procesión de Semana Santa en Cangas | Fonte: cangas.gal


DÚAS PERSPECTIVAS: ATEÍSMO E LAICISMO

A Constitución declara no artigo 16 que España é un estado laico, aconfesional, sen relixión oficial. Existen posturas que apuntan a unha falta de coherencia entre o Estado e o declarado na Constitución. Desde a Unión de Ateos y Librepensadores, o seu presidente, Albert Riba, lembra que o ateísmo era case “unha cuestión de desprestixio, xa en democracia nin nos facían caso, era sorprendente ver que podía haber xente mirándote con desprezo”. 

O ateísmo, rexeitar a crenza en deidades, foi ligado sempre a posturas políticas que manifestaron durante a Historia posicións contrarias á Igrexa. Aliás, Albert Riba deixa en claro que “en primeiro lugar existe o respecto ás persoas crentes, todos e todas temos dereito a pensar de maneira libre”. Esa mesma liberdade reclamárona para eles mesmos como ateos, querendo mostrar a súa posición. “Cando organizamos o Autobús Ateo foron moitas as persoas que se declararon ateas e que aquilo non tiña conta atrás”.

O laicismo pola súa parte segue querendo remarcar que “nin é ateísmo, nin agnosticismo nin tampouco unha postura antirrelixiosa” destaca o presidente de Europa Laica, Juanjo Picó. “Defendemos a liberdade de conciencia que se poida manifestar onde se estime mellor de acordo coas leis e os dereitos humanos”. A conclusión desde Europa Laica é que “podes ser unha persoa crente e ao mesmo tempo defender o laicismo”.

PORCENTAXES CATÓLICOS POR AUTONOMÍAS
PORCENTAXES CATÓLICOS POR AUTONOMÍAS | Fonte: WIKIPEDIA

Esta defensa da laicidade está dentro dos outros valores intrínsecos da democracia como é a defensa da presunción de inocencia, a división de poderes e a separación entre Igrexa e Estado. “Non debera sorprender que un demócrata estea de acordo con estes principios e os defenda” deixa en claro Juanjo Picó.

POSICIÓNS FRONTE SEMANA SANTA

As manifestacións relixiosas da Igrexa católica poden cuestionar a laicidade oficial do Estado. O feito relixioso segue tendo peso máis como unha tradición que como manifestación de adoración e devoción relixiosa. “Hai xente que se manifesta atea ou non crente mais como toques o santo ou santa da súa igrexa acaba enfadándose” di ironicamente Albert Riba.

Se unha cousa é o respecto á liberdade de culto, outra cousa para Riba é “o tratamento do Estado e dos medios” arredor destas datas. A laicidade do Estado propugna “vivirmos en sociedade, distinguindo o público do privado, por iso non entendemos que medios públicos cubran actos relixiosos cando a Igrexa ten os seus medios perfectamente garantidos”.

“Entrégase moito diñeiro á Igrexa por parte do Estado, diñeiro que é de todos” sinala Riba. “O que vemos durante estas datas é un negocio, cidades enteiras vivindo do turismo relixioso, se antes se daban esmolas, agora é o IRPF pagado entre todos”. Mais a relación Estado-Igrexa non queda aí, porque “unha procesión é unha manifestación e debera pedir permiso para ocupar o espazo público”, e por outra parte, “esas manifestacións relixiosas non deberan ter ningún compoñente da sociedade civil, alguén que nos representa a todos e todas, pode facelo de maneira particular” remarca Juanjo Picó.

Preguntados os dous interlocutores sobre a elevada participación de persoas como integrantes das procesións, pasos, romarías, etc., existe unha coincidencia en que os factores sociais e culturais son os motores desa participación dunha parte da sociedade civil. Aínda máis, diferentes vilas e cidades reclaman declarar as súas procesións como elementos de interese turístico de cara tanto a proxección dos eventos relixiosos como a recepción “masiva” de turistas.

CIS MARZO 2023 RELIXIÓN
CIS MARZO 2023 RELIXIÓN | Fonte: CIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta