Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 10:04
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, iniciará este mércores 12 de abril unha viaxe por América que o levará a Panamá, Venezuela e a México para manter encontros institucionais e empresariais. Unha visita que se celebra a pouco máis dun mes das eleccións do 28M.
Durante a mañá deste mércores someterase á sesión de control da Cámara galega e, posteriormente, partirá. A reunión semanal do Executivo autonómico mantense fixada para o xoves e a previsión é que informe dos asuntos abordados o vicepresidente primeiro e responsable de Economía, Francisco Conde.
Segundo trasladou a Xunta, o mércores viaxará a Panamá, para chegar a Venezuela o venres 14. O domingo 16 e o luns 17 permanecerá en México, e o martes 18 estará de volta en Galicia. Este será a segunda viaxe ao continente americano de Alfonso Rueda como titular do Goberno galego tras a visita a Arxentina e Uruguai o pasado mes de outubro. Así, un dos obxectivos é "estreitar lazos coa comunidade galega no exterior e erixir un marco de progreso para as próximas xeracións".
VISITA Á CANLE DE PANAMÁ E REUNIÓN CO PRESIDENTE
A primeira parada do presidente será este xoves na Canle de Panamá, unha infraestrutura na que a emigración galega deixou pegada xa que uns 12.000 galegos participaron na súa construción.
Ademais, o presidente autonómico manterá un encontro con diferentes autoridades do país para estreitar relacións e afianzar a colaboración entre ambas as institucións. En concreto, reunirase co presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, e co embaixador de España neste país americano, Guzmán Palacios.
PRIMEIRA VIAXE A VENEZUELA COMO PRESIDENTE
O venres, Rueda iniciará a súa primeira viaxe como presidente da Xunta a Venezuela --xa se desprazou a este país anteriormente na súa etapa como conselleiro-- con diferentes encontros con asociacións de galegos no país.
XORNADAS DE CARÁCTER ECONÓMICO EN MÉXICO
A viaxe finalizará con dúas xornadas en México, de carácter marcadamente económico. Rueda manterá primeiro un encontro con empresarios galegos, españois e mexicanos e, posteriormente, terá outra reunión con investidores mexicanos, interesados nos proxectos económicos e industriais nos que traballa Galicia.
VISITAS A ASOCIACIÓNS DE GALEGOS
Así mesmo, Rueda tamén ten previsto reunirse coas asociacións de galegos en Panamá, Venezuela e México para coñecer de primeira man as súas actividades e inquietudes.
O presidente da Xunta considera "de xustiza" ofrecerlles a oportunidade de volver a Galicia e, con esa intención, informarase ás diferentes xeracións de galegos en América Central e Sudamérica sobre os programas habilitados pola administración autonómica para facilitar o retorno a través da mellora na formación e o acceso ao emprego dos fillos e netos da emigración, articulados ao redor da Estratexia Galicia Retorna 2023-26.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.