Unha nova folga "paraliza" a Xustiza para "defender os dereitos laborais" dos funcionarios

Os sindicatos falan dun 85% de seguemento e critican o "recorte de postos de traballo e de dereitos" afecta a 2.800 traballadores. A xunta di que acordou cos sindicatos convocantes os servizos mínimos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

Funcionarios de Xustiza galegos arrincaron este luns os paros contra o "atropelo" que supón a Lei Orgánica de eficiencia organizativa no sector público da Xustiza, así como para defender "o servizo público" e o mantemento dos seus dereitos laborais.

Os paros e protestas ante os edificios xudiciais, convocados por STAJ, UGT, CC.OO., CSIF e SPJ-USO, producíronse por toda España e tamén nas sete cidades galegas e contaron cun seguimento a nivel estatal, segundo CSIF, do 85%. No caso de Santiago de Compostela, os funcionarios protestaron ante os xulgados de Fontiñas coincidindo cos paros, que están convocados diariamente de 10,00 a 13,00 horas.

"Estamos a defender os nosos dereitos ante unha lei que pretende publicar a ministra e na que se recortan os dereitos laborais dos traballadores e tamén os dereitos dos cidadáns", dixo, durante a protesta de Santiago, Manuel Díaz, delegado de UGT na Coruña, que acusou a esta lei de buscar un recorte "no servizo público".

O "recorte de postos de traballo e de dereitos" afecta a 2.800 traballadores en Galicia, apunta o sindicalista, que precisa que a norma suporía, entre outras cuestións, "deixar de crear xulgados". "A partir da publicación desa lei, non se crearía ningunha unidade xudicial máis e ningún posto de traballo", destacou.

OBRIGACIÓN DE FICHAR

Por outra banda, os sindicatos convocantes deste paro anunciaron a súa intención de recorrer unha instrución ditada pola Dirección Xeral de Xustiza da Xunta na que se "obriga ás persoas traballadoras a fichar mentres fan a folga", unha obrigación que, apuntan, "non existe legalmente", xa que "cada traballador pode exercer libremente" o seu dereito a folga "sen máis obriga que a de respectar os servizos mínimos".

Esta instrución, apuntan, "dispón que os servizos mínimos prestaranse pola mesma persoa durante todos os días da semana, imposibilitando deste xeito o seu dereito a folga e impedindo que as demais persoas do centro fagan estes servizos".

Funcionarios de Xustiza protestan ante o edificio xudicial de Fontiñas, en Santiago de Compostela.
Funcionarios de Xustiza protestan ante o edificio xudicial de Fontiñas, en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

SERVIZOS MÍNIMOS

Por outra banda, a Xunta de Galicia asegurou que a proposta de organización semanal de servizos mínimos para a folga de funcionarios de Xustiza trasladouse ao comité de folga o pasado 11 de abril e as organizacións sindicais "aceptaron" esta opción.

Así o asegurou o Goberno galego despois de que os convocantes anunciasen este luns a súa intención de recorrer a instrución que organiza semanalmente os servizos mínimos e obriga a fichar durante os paros.

"Nunha folga indefinida, como a convocada, un período como o establecido, por semanas, é garante da prestación do servizo esencial e compatible en todo momento coa prestación dos servizos mínimos establecidos", di a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta