Por Galicia Confidencial | FERROL | 19/04/2023 | Actualizada ás 12:40
O xornalista freelance lucense Marcos Méndez, centrado actualmente na cobertura da guerra de Ucraína, é o gañador da XIX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol.
A organización do premio salientou que as tres candidaturas presentadas eran merecedoras do galardón e recoñecemento polo seu labor xornalístico e quixo aproveitar para lembrar que a situación en países como Ucraína, Irán ou Afganistán supoñen "un panorama mundial difícil para os xornalistas, pero aínda peor para as xornalistas", así como insistir no chamamento ás autoridades para que poñan todos os medios para defender a liberdade de prensa e o dereito a informar.
Marcos é xunto coa xornalista Miriam González dos poucos que seguen e escriben sobre o conflito en galego. De feito, o GC publicou diferentes crónicas o pasado ano de Miriam González sobre a guerra. Esta xornalista desprazouse novamente a Ucraína para seguir in situ a esperada ofensiva ucraniana.
Do mesmo xeito, reclamou unha vez máis que se esclarezan os asasinatos de José Couso e Taras Protsyuk e que se respecten os dereitos e se aclare a situación xudicial de Pablo González, nominado ao Premio Couso en 2022, que se encontra desde febreiro dese ano nun cárcere polaco. A entrega do premio realizarase a primeiros de maio, e a organización anunciará proximamente polas canles habituais o programa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.