Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 15:59
O sindicato CGT denuncia irregularidades na oposición para cubrir a praza de auxiliar bibliotecario na Lama para favorecer ao candidato do PP en Ponte Caldelas, Antón Gil, e que é responsable de prensa e de xestión de redes sociais no Concello da Lama, ademais de ser o director da radio municipal 'Radio Nova'.
O secretario xeral de CGT, Miguel Ángel Cuña, saíu este luns en defensa de Cristina Villaverde, unha traballadora que ocupa ese posto desde hai 23 anos como persoal laboral e que xa presentou un recurso de alzada contra este "atropelo intolerable". Actualmente está de baixa pola presión á que está a ser sometida nos últimos meses, segundo explicou a afectada.
Denuncia esta traballadora que o alcalde da Lama, Jorge Canda, do PP, quere deixar colocado ao seu asesor antes das próximas eleccións municipais. A cinco días de que a Lei dos Interinos de 2021 entrase en vigor, o goberno local convocou a oposición para esa praza e para iso constituíuse un tribunal con maioría de representantes dos concellos do PP: dous funcionarios municipais de Cerdedo-Cotobade e un do de Campo Lameiro, para os que traballa tamén Antón Gil, como responsable de comunicación.
Gil recibiu a nota máis alta no primeiro exame, cun 7,80, a pesar de non ter titulación específica ou de experiencia profesional algunha relacionada directamente coa praza de auxiliar bibliotecario e informador xuvenil. Villaverde quedou cun 5,6 de nota e o resto de aspirantes suspenderon.
Cristina Villaverde asegura que "foi un exercicio moi viciado", posto que o exame non se atopaba en sobre lacrado, as preguntas eran "confusas" e o presidente do tribunal impediu, a pesar da protesta dalgún outro opositor, que se puidesen levar copias dos exames ou extraer algún papel da sala ao terminar a proba.
Villaverde está a estudar coa súa avogada recorrer á xustiza para denunciar estes feitos: "Non estou disposta a tolerar ningún atropelo á miña profesionalidade e dignidade, nin a tolerar prácticas caciquiis e discriminatorias co dereito ao traballo". A proba práctica está prevista para o 2 de maio.
Miguel Anxo Cuña, secretario xeral de CXT Pontevedra, cualificou estes feitos como unha "cacicada inmensa" e un "despropósito" que ameaza coa perda dun posto laboral dunha traballadora "sen xustificación", alegando as numerosas irregularidades neste proceso selectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.