Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/04/2023 | Actualizada ás 22:00
Está ben valorada a televisión pública de todos e todas as galegas?. Cumpre a función que está encomendada por lei e recollida no Estatuto de Autonomía?. Ata que punto é importante e ten relevancia este servizo ?... Para estas e outras preguntas quere ter resposta a Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), o órgano encargado de xestionar a TVG e a RG nun momento no que o seu funcionamento está sendo cuestionado por parte dos traballadores e dos grupos da oposición.
Precisamente, este martes, 25 de abril, o persoal traballador estaba chamad0 a unha nova xornada de folga baixo a lema 'Non máis abusos' para protestar pola súa situación laboral e o funcionamento do ente. Coincidindo con esta convocatoria --á que se suman outros paros o 12 e o 28 de maio, este último o día das Eleccións Municipais--, un grupo duns 30 traballadores desprazaronse a Madrid onde realizaron unha concentración ante o Senado.
Unhas protestas que coinciden coa decisión da empresa de coñecer o "grao de cumprimento da misión de servizo público de comunicación audiovisual da CRTVG". Segundo fontes da Compañía pública consultada "este xa é o segundo que se fai" e, polo tanto, non ten nada que ver coas protestas actuais. "O obxectivo é facer unha enquisa e un panel de expertos sobre os indicadores que logo se publican no Estado de Información Non Financeira, que se presenta canda a memoria de execucion orzamentaria cada ano", indican estas fontes.
O ente público xustifica a contratación deste servizo externo, que está en fase de adxudicación pública por un importe de pouco máis de 48.000 euros, “en virtude das obrigas de transparencia e de rendición de contas” e por iso ten que “establecer un mecanismo de medición do grao de cumprimento da misión de servizo público de comunicación audiovisual da Corporación RTVG no seu ámbito de actuación” para “cumprir coa misión de servizo público de comunicación audiovisual que lle sexa encomendada”.
"DOCE ENTREGABLES"
Polo tanto, a empresa que saia contratada ten que analizar “a audiencia, a utilidade social, a imaxe de marca, a notoriedade social e económica, e os fundamentos de servizo público”. O estudo constará de "12 entregables" que deben presentarse con periodicidade mensual por un período dun ano. No entregable do mes de decembro deberá achegarse tamén un resumo dos informes desenvolvidos durante o ano e no último entregable débese facer un resumo anual dos resultados obtidos.
Ademais, a empresa adxudicataria terá que facer un estudo da relevancia dos aspectos materiais que afectan á Corporación RTVG, isto é, a Identidade e Goberno Corporativo, Servizo Público e Actividade, Recursos Humanos e Proxección Social. Esta análise confórmase dun entregable que deberá ser entregado antes do 31 de outubro de 2023.
GRUPO DE INTERESE
Finalmente, a CRTVG pide tamén que se realie un estudo que analice a Identidade e Goberno Corporativo, Servizo Público e Actividade, Recursos Humanos e Proxección Social. “Para esta análise utilizarase a metodoloxía Delphi ou similar e participarán, como mínimo, 20 persoas que formen parte dos grupos de interese da CRTVG: espectadores, provedores, persoas traballadoras, sociedade en xeral, medio natural e accionistas, apunta.
Adicionalmente deberán participar, como mínimo, 10 expertos no sector audiovisual. Este panel será proposto pola empresa adxudicataria pero “tanto as dimensións como as preguntas de cada un delas serán facilitadas pola CRTVG e basearase nun cuestionario que incluirá un máximo de 40 preguntas propostas pola CRTVG”.
“O obxectivo da análise é o de coñecer a relevancia que lle outorgan os grupos de interese e os expertos a cada un dos aspectos materiais que afectan á Corporación RTVG na súa condición de sociedade mercantil pública que ten a encomenda da xestión do servizo público audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia”, destaca o ente público.
PROTESTAS
Este novo concurso coincide con novas protestas dos traballadores. Este martes, preto de trinta deles protestaron diante do Senado con pancartas nas que criticaban a "manipulación" do Ente público, criticaban a Alfonso Rueda e pedían ceses.
Na protesta tamén participaron o senador socialista Xaquín Fernández Leiceaga, a eurodeputada Ana Miranda e o deputado no Congreso Néstor Rego, do BNG, ou a vicepresidenta e líder de Sumar, Yolanda Díaz, que foi a saúdar e mostrar o seu apoio ás traballadoras. Tamén contou co respaldo de Agustín Yanel, o secretario xeral da Federación de Sindicatos de Periodistas (FESP).
Todo o meu apoio ás traballadoras e traballadores da @crtvg que defenden un servizo público con información de calidade.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) April 25, 2023
A vosa loita é un exemplo de dignidade. #DefendeAGalega pic.twitter.com/UKkdWxU6SC
.@DefendeAGalega pic.twitter.com/MmhpI8Gnjm
— BNG_ParlamentoEuropeo (@BNG_ParlEuropa) April 25, 2023
PAR TICIPACIÓN NA FOLGA
A protesta tivo lugar mentres na Cámara Alta tiña lugar un cara a cara entre Feijóo e Pedro Sánchez. Niso incidiu o presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite, quen trasladou a Europa Press, ademais, que esta foi unha nova xornada de "redaccións baleiras" e cun seguimento da folga moi significativo. "A programación non esencial caeu", constatou.
Os traballadores en desacordo coa xestión da actual dirección da CRTVG teñen en carteira outros dous paros previstos para os días 12 e 28 de maio, xornada esta última na que se celebran as eleccións municipais.
Pola súa banda, fontes da Corporación situaron o seguimento da folga, unha vez xa computados as quendas de mañá e tarde, no 27,7%, o que supón --recalcan-- que "máis do 70% do persoal non secundou a folga". Así mesmo, subliña que o tres centrais convocantes --CIG, CUT e CC.OO.--, que aseguran "reivindicar os dereitos dos traballadores", son "as mesmas tres centrais que se negan a asinar a oferta de consolidación de emprego do 100% do cadro de persoal, aprobada polo 95% da asemblea de traballadores". "Este proceso atópase en suspenso contra a vontade do persoal afectado, 270 persoas", denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.