Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 01/05/2023 | Actualizada ás 11:00
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) publicou este venres, 28 de abril, a segunda edición da súa 'Guía ninja do ilustrador', un manual que sirve de apoio a profesionais creativos freelance. O documento xa está dispoñible en formato dixital, e a partir de maio comezará a distribuírse en papel. Ademais, esta segunda edición presentarase publicamente na vindeira Feira do Libro de Buenos Aires.
Segunda explica a AGPI, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador (2016) "veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido".
No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non-éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, "máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior". Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.
A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.