O metal galego pide traballadores especializados de Perú, Vietnam ou Bangladesh ante a falta de galegos

O setor facturou 14.534 millóns en 2022, un 15 % máis e sería un 30% "se houbera máis persoal cualificado".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/04/2023 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O sector do metal de Galicia pechou 2022 cunha facturación de 14.534 millóns de euros, un 15 % máis que no exercicio anterior, e cun nivel de emprego estable, de 57.050 traballadores (un 0,5 % máis), aínda que a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Afíns, Asime, advertiu de que a facturación podería ser un 30 % superior se as empresas puidesen cubrir as súas necesidades de persoal cualificado, que cifran nuns 1.500 operarios).

Así o trasladou o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, na rolda de prensa de presentación do balance anual de 2022, e subliñou que o sector se atopa practicamente ao cento por cento da súa capacidade produtiva, lastrada por ese déficit de persoal. "Hai unha necesidade inmediata de 1.500 traballadores en Galicia, e uns 800 en Vigo e a súa área", afirmou.

Respecto diso, reclamou medidas, non só de formación, senón tamén de "flexibilidade" para facilitar a contratación de operarios estranxeiros cualificados, procedentes de países como Perú, Vietnam, Colombia ou Bangladesh. Mallón defendeu que o sector do metal de Galicia pode ofrecer aos operarios "seguridade" e "retribucións altas", segundo convenio, e pediu ao Goberno de España "que cumpra" o compromiso de facilitar a incorporación de "continxentes de traballadores estranxeiros".

SECTORES

Por sectores de actividade, explicou que a automoción aumentou un 14 % a súa facturación (ata os 10.560 millóns), aínda que tivo unha leve redución de emprego, e quedouse en algo máis de 19.000 traballadores.

No caso do naval, Galicia perdeu posicións en España, aínda que os datos non foron negativos: baixou un 1 % o emprego (queda en 7.956 operarios) e creceu un 12 % a facturación, ata os 897 millóns de euros. Os estaleiros galegos asinaron 8 contratos novos e teñen 13 pedidos en carteira.

As construcións e estruturas metálicas, con 16.288 empregos (un 1 % máis) lograron facturar 555 millóns de euros, un 14 % máis que en 2021, e iso a pesar do descenso na licitación pública en Galicia. Así mesmo, tamén creceu o sector da aeronáutica, que facturou 106 millóns de euros (un 20 %) e aumentou un 5 % o seu emprego.

Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Afíns (Asime) de Galicia.
Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Afíns (Asime) de Galicia. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta