Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2023 | Actualizada ás 19:53
A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional emitiu o pasado 15 de marzo unha sentenza na que rexeitaba o recurso da empresa Servicarne e confirmaba que non se trata dunha cooperativa de traballo asociado, tal e como así o sostiña a Inspección de Traballo.
O fallo parte dun recurso interposto pola compañía ante unha resolución ditada en 2019 polo entón Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social que xa declaraba que Servicarne non tiña nin centro de traballo propio, nin traballadores que se dedicasen a máis que labores administrativos e de xestión de persoal, nin "realiza ningún tipo de xestión de compras nin de vendas".
De feito, Traballo sinalaba que non se ofertaba "emprego estable e de calidade", senón que os empregados que ofertaba a empresas do sector cárnico estaban no réxime especial de autónomos, de modo que "carecen de vacacións pagas, as xornadas non están establecidas e normalmente son superiores ás convencionais", entre outras cuestións.
"Non cabe dúbida que a actuación desenvolvida pola actora foi a de constituírse como sociedade cooperativa coa finalidade de obter os efectos que se derivan da devandita cualificación, eludindo así a aplicación de normas fiscais e laborais menos beneficiosas", subliñan os maxistrados.
Por mor desta sentenza, a CIG emitiu un comunicado no que celebra que a AN confirme que Servicarne "limitábase a colocar falsos autónomos" baixo un "aparente contrato mercantil de arrendamento de servizos".
A central nacionalista fai unha "valoración positiva" deste fallo, contra o que aínda cabe recurso ante o Tribunal Supremo, e pide á autoridade laboral que manteña unha "postura firme fronte as empresas clientes e impida a continuación dun modelo de negocio baseado na fraude de lei, o abuso patronal e a precariedade laboral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.