Estas son as listas electorais nas cidades galegas: PPdeG, PSdeG, BNG e Vox presentan en todas

Hai unha importante reducción de candidaturas con respecto a hai catro anos, especialmente, no espectro da esquerda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2023 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Os boletíns oficiais das catro provincias galegas publicaron este martes, 2 de maio, a proclamación definitiva das candidaturas para as eleccións do próximo 28. Tras a revisión realizada, A Coruña perde unha lista que non logrou ser proclamada, a presentada por Falanxe Española Fe das Jons, mentres que Vigo confírmase como a urbe galega con menor número de listas a pesar de situarse á cabeza en poboación.

Así, catro anos despois das eleccións municipais que supuxeron un envorco electoral en tres das principais cidades galegas e dun mandato marcado pola pandemia e as autonómicas que deixaron fóra ao espazo rupturista do Parlamento de Galicia, a convocatoria electoral do próximo 28 de maio enfrontará a menos candidaturas entre si con respecto a 2019 nas cidades, ao pasar de 77 presentadas e 76 proclamadas na anterior convocatoria ás 62 presentadas para esta. Finalmente, só concorrerán 61 entre as sete cidades galegas.

Isto deriva en boa parte da concentración de mareas ou a súa desaparición, salvo excepcións, xunto coa case extinción doutras formacións. Dos datos publicados nos boletíns oficiais provinciais, despréndese que a cidade onde máis listas haberá, unha máis que en 2019, é a da Coruña, cun total de 11, tras perderse a da Falanxe. Non en balde, na cidade herculina as mareas lonxe de concentrarse como ocorreu en Ourense, propiciou unha escisión que sitúa a Marea Atlántica (outrora aglutinadora de toda a esquerda de confluencias) enfronte da lista dun 'ex' deste espazo, a alianza de Podemos e Esquerda Unida que lidera José Manuel Sande.

Así as cousas, na Coruña concorrerán 11 listas: PSdeG, PPdeG, BNG, Marea Atlántica, Podemos-EU, Alternativa dos Veciños, Cs, Vox, Unidade Local, Escanos en Branco e Pacma. Aínda que no total é unha lista máis, en rigor desaparecen do panorama municipal as candidaturas de Democracia Coruñesa e Gañemos A Coruña.

Unha muller deposita unha papeleta nunha urna / Arquivo / Europa Press
Unha muller deposita unha papeleta nunha urna / Arquivo / Europa Press

OURENSE E VIGO

Ourense é un dos casos singulares que confirman a redución de listas. Tras alcanzar as 15 en 2019 pola subdivisión das mareas e confluencias (tras as escisións a nivel galego), o próximo 28 de maio haberá dez listas. Ademais da concentración do espazo de mareas, tamén se perden outras, entre elas, a de Espazo Común, o partido que lidera Pachi Vázquez (ex PSOE) e que presenta unha vintena de candidaturas por toda a xeografía galega encabezadas en boa parte por ex socialistas.

Así as cousas, na cidade das Burgas confirmáronse unha decena de candidaturas: PPdeG, PSdeG, Democracia Ourensana (DO), BNG, Agora Ourense-Podemos-Esquerda Unida, Vox, Ciudadanos (Cs), Vivir Ourense, Coalición de Centro Democrático e Contigo Somos Democracia (Contigo).

Isto supón que, fronte a 2019, decaen: Ourense Mellor, Ourense en Común, Espazo Común, Compromiso por Galicia, Adiante, Por un mundo Máis Xusto (PumJ) e Partido Liberal Español. Cabe mencionar que Ourense Mellor intégrase na de Podemos e Esquerda Unida, que se presentaron como Unidas Podemos.

Outro exemplo, por segunda convocatoria consecutiva, é Vigo, en que xa se produciu unha concentración de listas nunha conxuntura de ampliación da maioría absoluta de Abel Caballero. Das 17 listas de 2015, pasou a 11 en 2019 e agora queda en sete, catro menos a cita anterior. Para a cita do 28M preséntanse: PSdeG, PPdeG, Podemos-Marea de Vigo, BNG, Vox, Cs e Partido Comunista dos Traballadores de España / Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG).

Con respecto á cita de 2019, desaparecen do panorama municipal da cidade olívica as listas de Ciudadanos de Galicia, Pacma, Compromiso por Galicia e Escanos en Branco.

SANTIAGO: MÁIS LISTAS NO CENTRO DEREITA

En Santiago de Compostela dáse outra particularidade. Nesta localidade a candidatura das confluencias non sufriu ningunha escisión nin incorporación, ata o punto que Compostela Aberta é o único caso de confluencia con esta solidez (xunto coa viguesa, aínda que de maneira diferente). No entanto, neste caso foi a división no espazo do centro e a dereita o que fai crecer o número de listas de sete a oito para o 28M.

Concretamente, segundo os datos recompilados por Europa Press, e tras ser proclamados este martes, preséntanse: PSdeG, PPdeG, BNG, Compostela Aberta, Por e para Santiago, Vox (liderado por un ex popular), Compromiso por Galicia e Partido Galego. Con respecto a 2019, a novidade é Partido Galego e Por e Para Santiago, mentres que desaparece Ciudadanos da capital galega.

FERROL: OITO LISTAS FRONTE A 11

En canto a Ferrol, prodúcese unha diminución, ao pasar de 11 listas a oito: PSdeG, PPdeG, BNG, Ferrol en Común, Podemos-Alianza Verde, Vox, Coalición de Centro Democrático e Ligando. Todas foron ratificadas este martes.

Desta maneira, desaparecen do panorama municipal Xuntos Actúa (era unha escisión de Podemos e agora preséntase Podemos), Sentimento Ferrolán, Marea de Ferrol e Cs. Neste caso, sae do panorama unha marea local, a que estaba apoiada pola extinta En Marea.

LUGO: SEGUE O RONSEL DA CONCENTRACIÓN

Lugo segue un ronsel similar á de Ourense, xa que en 2019, a cidade das Murallas tiña para escoller entre 12 listas, fronte ao nove da convocatoria de 2015. Agora, tras a concentración (e extinción) das 'mareas', que na convocatoria de 2019 quedaron fóra da corporación local tras a súa división en varias patas, redúcense ata oito listas.

Os lucenses poderán escoller o próximo 28M entre PSdeG, PPdeG, BNG, Podemos-EU, Cs, Vox, Unión de Ciudanoss Independentes (Ucin) e Contamos Galicia Sempre-Partido Galego (unha coalición que une ao partido que fundou o escindido socialista Manuel Martínez con Partido Galego).

Con estes datos xa proclamados polo Boletín Oficial da Provincia de Lugo, deixan de concorrer Lugo Novo e Alternativa Cidadá de Esquerdas-EU (agora en pacto con Podemos), Foro Lugo, Converxencia 21 e Compromiso por Galicia. Desta maneira, a única novidade da convocatoria do 28M é a lista Ucin.

PONTEVEDRA

Finalmente, en Pontevedra tamén se produce unha redución, neste caso, nunha. De dez listas redúcense a nove as que concorrerán o 28M: BNG, PSdeG, PPdeG, Podemos, Pontevedra Alternativa, Vox, Cs, Espazo Común e Pacma.

Aínda que só se varía nunha, xorden novidades. Así, desparece Marea de Pontevedra, Cidadáns de Galicia, Compromiso por Galicia e TeGa, mentres que xorden Espazo Común (o partido de Pachi Vázquez, tras fichar a unha ex concelleira de Cs), Pontevedra Alternativa (unha marca creada hai máis de 11 anos por Ramón Pedras 'Petete', que lle cedeu os dereitos aos novos responsables) e Pacma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta