A Rede Galega contra a Pobreza reclama máis medidas de acceso á vivenda para os colectivos máis empobrecidos

A Rede insiste en que hai unha "emerxencia brutal" entre as persoas que conforman esta Rede Galega e apelou a ver a vivenda como "un dereito" en lugar de "un negocio".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2023 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O director da Rede Galega contra a Pobreza, Xosé Cuns, reclamou medidas urxentes para garantir o acceso á vivenda en Galicia, tras alertar da situación que viven as persoas con menos recursos. "A decisión entre pagar o aluguer ou comer ben é unha constante entre moitas familias coas que traballamos", dixo con motivo da inauguración na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña da mostra '#EmerxenciaVivenda', que pretende alertar desta problemática con fotografías e testemuños en primeira persoa.

"Non se están tomando en serio as políticas de vivenda", denunciou a pesar de destacar un avance a nivel normativo na lei de vivenda estatal. No entanto, lamentou que "non ocorra o mesmo" a nivel autonómico e demandou actuacións a este respecto en Galicia, especialmente no actual contexto de eleccións municipais.

Así, insistiu en que hai unha "emerxencia brutal" entre as persoas que conforman esta Rede Galega e apelou a ver a vivenda como "un dereito" en lugar de "un negocio". Neste sentido, sinalou que na comunidade galega o 23,2 por cento da poboación está en risco de exclusión pola pobreza. "635.000 pesonas en Galicia e case o 37% están a pagar o 40% dos seus ingresos en vivenda", expuxo.

ALUGUER SOCIAL

Ademais, dixo que nesta autonomía só o 0,3% do total de vivendas están destinadas a aluguer social. "Case dez veces menos que a media española e 30 veces menos que a nivel europeo", recalcou. Por iso, demandou á Xunta o cumprimento dos compromisos para incrementar a vivenda, pero tamén fixo extensivas as demandas nesta materia aos candidatos municipais para que a decisión non sexa para os máis empobrecidos "entre pagar o aluguer ou comer ben".

Pola súa banda, o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Plácido Lizancos, apoiou iniciativas como a da exposición para reivindicar a vivenda como "un dereito fundamental". "A desigualdade en materia de vivenda é unha realidade que lonxe de diminuír crece", engadiu.

Edificio de vivendas. Carlos Luján - Europa Press
Edificio de vivendas. Carlos Luján - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta