Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2023 | Actualizada ás 17:46
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga deste venres 12 de maio nos seus centros de traballo.
A convocatoria de folga desenvolverase entre as 00,00 e as 24,00 horas deste venres 12 de maio nos centros de traballo da CRTVG sen prexuízo do mantemento dos servizos esenciais. A orde sinala que se considera servizo esencial a produción, emisión e retransmisión nas canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña dos programas informativos que son considerados "imprescindibles para manter o servizo público de información á comunidade".
Segundo recolle, a dirección da CRTVG determinou, despois de ouvir ao comité de folga, o persoal mínimo necesario para garantir eses servizos. Ademais, "durante a celebración da folga deberá quedar garantida a seguridade das persoas, das instalacións e do material, e, ademais, o comité de folga asegurará que, ao finalizar esta, os distintos centros e servizos se atopen en situación de funcionamento normal".
Por último, apunta que os servizos esenciais "non poderán ser perturbados por alteracións ou paros do persoal designado para a súa prestación e o incumprimento da obrigación de atender os servizos mínimos será sancionado de conformidade co previsto na normativa aplicable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.