Ángel Mato propón colocar un enreixado metálico nun tramo do Arsenal Militar para "abrir Ferrol ao mar"

Retoma un proxecto do ano 2010 para conseguir poder ver o mar á altura da avenida de Irmandiños

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol e aspirante á reelección polo PSOE, Ángel Mato, propuxo recuperar a iniciativa de "abrir Ferrol ao mar" a través da instalación dun enreixado metálico nun tramo do muro do Arsenal Militar, un proxecto que xa foi elaborado no ano 2010, cando socialista era concelleiro de Urbanismo.

A proposta foi presentada na mañá deste venres polo candidato socailista, que explicou que a iniciativa pretende "dar continuidade á derriba da nave provisional do Mercado da Magdalena, a piques de comezar, e á construción dun aparcadoiro en terreos de Navantia, en Esteiro, cuxa tramitación está a dar xa pasos e que servirá, ademais, para eliminar parte do muro do estaleiro".

Mato asegurou que "unha vez pechado o convenio urbanístico con Defensa, é o momento de avanzar en novos acordos co Ministerio en beneficio da cidade e das Forzas Armadas". Así, o socialista asegurou que a proposta xa foi trasladada á ministra de Defensa, Margarita Robles, quen, segundo Mato, "acolleuna con moi boa vontade de estudala".

Neste sentido, remarcou que o proxecto persegue "un triplo obxectivo": "sumar unha nova actuación á mellora da contorna da avenida de Irmandiños, contribuír á boa relación entre a cidade e a Armada e dar un paso máis no camiño da candidatura de Ferrol a patrimonio mundial".

Por último, detallou que a súa proposta ao Ministerio de Defensa "consiste en retomar o proxecto do 2010 nas partes da muralla onde Patrimonio permite facelo", é dicir, "en preto de 200 metros situados na avenida de Irmandiños".

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato | Fonte: Raúl Lomba - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta