Francisco Rodríguez: "Este mandato foi un exercicio de tiranía e o peor caeu sobre quen tiña máis necesidades"

Francisco Rodríguez (Palmés) é o candidato do PSdeG-PSOE para a alcaldía de Ourense. Foi elixido alcalde en dous mandatos até que en 2012 foi detido por presunta trama de influencias. Absolto polo TSXG, di non gardar rancor. Considera un periodo perdido os catro anos de Jácome no Concello de Ourense e non descarta facer pactos en caso de poder chegar a alcaldía sumando edís.

Por Moncho Mariño | Ourense | 16/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como leva chamarse Paco Rodríguez, nunca o confundiron co seu tocaio da UPG?

Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ourense
Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ourense | Fonte: PSdeG-PSOE

Ao mellor algunha vez si, aínda que durante un tempo houbo outro Paco Rodríguez que era o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Entón facían unha brincadeira, o Paco Rodríguez da CEO dicía que había un bo, que era el; un malo, o da UPG e un regular que era eu. Así pois, é posible que nos teñan confundido algunha vez.

-Como describiría a situación de Ourense, tanto cidade como provincia: un esperpento no mellor termo de Valle-Inclán ou unha comedia?
Antes de describilo falarei do paralelismo entre os máximos mandatarios das dúas institucións: Concello e Deputación. Os dous multados por exceso de velocidade, os dous usan vehículos oficiais para finalidades privadas e ademais, os dous en fin de semana. Esperta moita curiosidade esta coincidencia foito dunha concepción das institucións son patrimonio particular, unha posesión privada ou un “chiringuito”. A partir de aí vexo un espectáculo triste e lamentable para Ourense, sobre todo pola imaxe emitida nos medios estatais, unha imaxe que non é digna dos cidadáns de Ourense, así pois, só me queda lamentar esta situación. Os homes e mulleres ourensás non son iso que se ve nos medios estatais.

-Como se explica logo, esta permanencia de Jácome na alcaldía durante esta lexislatura, con reaccións violentas, cunha pésima relación cos funcionarios, lembremos que a Policía Local denunciara ao actual alcalde por delito de coaccións.
Non me extraña, o mesmo Jácome mostrou sempre unha falta de respecto á Policía Local, tamén dicía que cando tiña un problema recorría á Policía Nacional porque a Local non valía para nada. É difícil de entender o que está pasando: a sociedade vai por este camiño? Este é un caso aillado? Non sabería definilo, mais lamentablemente en Ourense vivimos dentro dunha situación, aínda vista só desde o punto de vista político, é unha anomalía democrática o desta cidade. Non coñezo ningunha cidade de máis de cen mil habitantes en toda España gobernada por tres concelleiros. Isto é, polo menos, estraño, e xa non digamos a maneira de gobernar, practicando a antipolítica facendo o que quere sen respectar a ninguén, nin aos funcionarios nin á oposición. Estamos vendo un modelo de xestión dunha persoa, un “friki”, cunhas consecuencias demoledoras tanto no presente como cara o futuro, porque o tempo perdido estes anos non o vamos recuperar. Por iso, debemos pensar xa a partir do día 28 e esperar que a cidadanía poida reflexionar sobre esta situación e a cidadanía poidamos darlle un cambio a esta cidade, porque este goberno é indigno da cidadanía ourensá.

Vexo un espectáculo triste e lamentable para Ourense, sobre todo pola imaxe emitida nos medios estatais

-Cre que o feito de seren 'La Región' e 'La Voz de Galicia' quen publiquen os audios de Jácome, é unha maneira de botalo do camiño para dar paso a outra formación que lles interese máis?
En absoluto, creo que máis alá das conclusións da Xustiza, a presenza dos audios agora mesmo; e non quero entrar en se son ou non legais; mais penso que ninguén nin o propio alcalde, dubida da veracidade dos audios. Coas gravísimas palabras que se poden escoitar, posiblemente outra persoa na súa posición xa tería dimitido do seu cargo por dignidade. Por iso digo que non podemos facer falsas interpretacións disto. A realidade responde ao que di nesas gravacións porque se pode confirmar, mesmo polos propios interesados que aparecen neses audios. En definitiva, estamos ante feitos gravísimos que deberan ter consecuencias.

-Durante esta lexislatura, á parte dos últimos acontecementos, cales son as cargas que levan soportado a cidade e o Concello de Ourense?
Esta lexislatura foi un exercicio de tiranía por parte deste alcalde e as consecuencias afectan a partes da sociedade que máis necesidades teñen. Nalgúns sectores, como foi por exemplo a cultura, arrasou con ela, non é que se deteriorase, é que desapareceu mesmo o nome de Concellaría de Cultura, agora chámase de Festexos. As políticas sociais foron abandonadas de maneira absoluta, desde aquelas representacións das persoas con máis problemas, con máis necesidades e que son máis sensibles socialmente a esta realidade. En definitiva, houbo un abandono de todas as políticas sociais, culturais e doutras áreas.

Jácome mostrou sempre unha falta de respecto á Policía Local, tamén dicía que cando tiña un problema recorría á Policía Nacional porque a Local non valía para nada

-Cales son os cambios máis destacados que ofrece o PSOE á cidadanía de Ourense?
Vista a situación e desde o meu punto de vista, o primeiro é recuperar a dignidade institucional, o respecto e a educación desde esta institución. Creo que é a base de todo senón, non merece a pena falar doutras cousas. Debemos ser capaces de axudar á cidadanía ourensá para que recupere a autoestima, o orgullo e a dignidade de ser de Ourense. Agora mesmo, o que sucede debido ao goberno actual, para moitos homes e mulleres desta cidade cústalles dicir “son de Ourense”. Iso é gravísimo, ter que agochar a súa identidade porque non se sente representada por esa persoa, ao revés, séntense insultados, iso é gravísimo. Recuperada a autoestima, deberemos deseñar o futuro porque non sabemos cal é a situación que encontraremos cando cheguemos aí, mesmo desde o punto de vista económico. Jácome nunca deu unha resposta sobre a situación económica do Concello, non responde a nada. En moitas cousas deberemos comezar de cero e noutras cousas haberá que construír un proxecto amplo entre toda a sociedade ourensá para marcar o futuro e o destino desta cidade.

-Indo ao máis concreto: cales son as necesidades que observa en materia urbanística, medidas de mobilidade, medioambientais e sobre todo na vivenda pensando en xente nova e sen recursos?
Algo moi importante é o urbanismo, o PXOM. O que se está aplicando é de 1986, por tanto, deberiamos ver como cambiou a lexislación desde 1986 até agora. Nós, cando estivemos no goberno aprobaramos un proxecto de PXOM en 2013 que logo caeu durante a xestión dos que nos sucederon na responsabilidade de goberno. Queremos pactar un PXOM para o futuro coa sociedade ourensá, pois consideramos que un plan así vai máis alá dos catro anos dun goberno. Debe ser un plan consensuado, independentemente de que teñamos ou non teñamos maioría absoluta no Concello. Ademais, o plan de urbanismo significa o modelo de cidade que queremos todos para os vindeiros 30 ou 40 anos e por tanto sería necesario contar co maior número de apoios posibles. Sobre o tema da vivenda, para min é unha fixación que teño. Durante os últimos días teño dito que a vivenda, ademais de ser un dereito constitucional, pode ser un motivo de exclusión social se non a tes. Temos que traballar nesa liña, aproveitando a lei que acaba de aprobar o Goberno de España, é unha lei moi importante de cara o futuro mais necesita tamén a colaboración dos concellos. Nese sentido, ofrecémonos desde o primeiro minuto, e así o dixemos, para poñer desde o primeiro momento que se aplique esa lei, dispor terreos necesarios para construir 800 vivendas de iniciativa pública para que poida ter acceso a xente moza e así poida facer a súa vida e independizarse. A vivenda é moi importante tamén para a xente con diversidade funcional. Nese sentido a nosa proposta é, sobre todo na zona antiga de Ourense, hai moitos edificios sen ascensor. A falta disto dificulta enormemente a socialización e unha vida normal ás persoas con diversidade funcional. Por todo isto, outorgaremos axudas para que no menor tempo posible se poidan realizar obras de instalación de ascensores para que esta xente faga unha vida digna.

 As políticas sociais foron abandonadas de maneira absoluta

-Medioambientalmente, que necesidades ten agora mesmo Ourense?
Afortunadamente, durante a nosa lexislatura e co apoio dunha ministra galega, Elena Espinosa, construiuse unha depuradora das máis modernas que hai en España. Desta maneira conseguimos resolver problemas de abastecemento, depuración e saneamento de maneira importante. Será necesario mellorar algunha rede na cidade, mais desde ese punto de vista, a cuestión está resolta. Hai que idear algún plan de mobilidade para a redución das emisións de contaminación mediante unha proposta que resulte atractiva, impulsar o transporte público e deixar os coches na casa. Durante a última parte da nosa lexislatura fixeramos unha obra importante no parque de Montealegre, unha zona referente da cidade e continuaremos facendo que as rúas sexan máis amables, plantaremos árbores en áreas verdes na medida que sexa posible.

-Considera que é necesario recuperar as relacións institucionais entre o Concello e outras administracións?
É imprescindible. Cústame moito entender que a relación con adversarios políticos teña que ser negativa. Debemos ser conscientes disto, as institucións son elixidas democraticamente pola cidadanía, ben administración local, autonómica ou estatal. Por tanto, debemos favorecer esas relacións con respecto, coas formas debidas, expoñendo o criterio de cada un, mais é indispensable para realizar moitos proxectos contar con outras administracións. Isto non se pode facer cun goberno como o que temos agora, é imposible. Considero imprescindible, e así o vou facer, independentemente de quen estea gobernando en calquera institución.

-Como xa apuntou, vostede foi alcalde de Ourense. Que cambiou en Ourense desde aquel momento con respecto ao día de hoxe?
Observando como se vive tanto na cidade como en aldeas e parroquias, penso que perdemos moito en valores e respecto e sobre todo, que lle quitaron a voz aos cidadáns. Onte comentabamos que había unha oficina de atención ao cidadán. É fundamental que se un cidadán ou cidadá non sabe onde ir, pois agora parece que todo o manexamos desde as redes sociais sen ter en conta que hai persoas descoñecedoras dese escenario. Cando unha persoa vai a unha oficina do cidadán, sexa maior ou non, vai recibir a información que necesita para resolver o seu problema. Perdéronse valores, o respecto polo cidadán, iso é necesario recuperalo pois non é entendible esa actitude “chulesca” por parte dun goberno que a cidadanía non merece.

-Independentemente das cores políticas e á parte de Democracia Ourensana, o resto das candidaturas representan o sentir e o esencial da sociedade ourensá?
Non teño ningún motivo para dicir o contrario. Debemos respectar as ideas dos demais, cada quen ten as súas e todas son respectables. Eu podo estar en desacordo coa ideoloxía, coas propostas e co criterio dun adversario político, mais nunca lle faltarei ao respecto. Ademais, creo sinceramente que todas as opinións son válidas, e desde logo, se chego a ter a responsabilidade de gobernar, digo desde agora que sempre escoitarei as opinións dos meus adversarios políticos pois estou certo da importancia das súas aportacións porque serán enriquecedoras e favorecerán a xestión de goberno.

Cústame moito entender que a relación con adversarios políticos teña que ser negativa

-Vostede tamén pasou por xuízos, por investigacións e logo viñeron absolucións que o declararon inocente. Despois de todo isto, gárdalle resentimento a alguén?
Non, mais tampouco esquezo. Sucede que cando un é sometido a tal inxustiza, iso non se pode esquecer, mais rancor non, o rancor é mala compañía, fai dano. A min feriume moito todo o que pasou e a partir de aí, desexar que nunca, ninguén, ningún cargo representativo teña que pasar por unha situación como a miña. Penso no futuro, é un dos motivos polo que estou aquí, porque tiñamos un proxecto para esta cidade, un proxecto compartido politicamente, socialmente, penso que iamos na boa dirección. Cando se fala disto, á parte do dano persoal e familiar, está o dano á cidade. Iso trouxo consecuencias como as que estamos a vivir, pois se non tivese sucedido aquilo, hoxe estariamos falando doutra cousa.

-Considera que o PSdeG-PSOE ten opcións para chegar á presidencia da Xunta?
O PSOE é un partido de goberno desde sempre. Ten que seguir aspirando a gobernar para transformar a sociedade en base ás súas ideas e criterios. Mais opcións para gobernar si que as ten. Xa gobernou, fíxoo ben, mais agora hai que pensar en ser capaces de achegar as propostas do PSOE para que a cidadanía confíe nel e que vexa como está actuando de cara a mellorar a vida da cidadanía. Está mellorando desde o Goberno de España e sería moi bo que houbese sintonía entre a administración central e a autonómica galega que leva parada moitos anos. O PSOE ten capacidade, ten equipos, ideas e en consecuencia, debe aspirar lexitimamente a gobernar Galicia.

-Está aberto a futuras coalicións de cara que non asuman a alcaldía gobernos conservadores ou o propio señor Jácome?
O fundamental agora mesmo é evitar que Jácome volva á alcaldía. Nese sentido, até onde eu poida influír, non vai suceder. Digo isto porque eu nunca sería copartícipe de que Ourense sexa unha moeda de cambio para ocupar un sillón e creo que me entende moita xente. Ninguén ten dereito a usar Ourense como aconteceu hai catro anos para manter unha cadeira na Deputación. A partir de aí, o equipo estamos traballando en ter o maior número de votos e concelleiros, para iso traballamos en gañar a confianza da cidadanía de Ourense. Sei que neste momento se hai unha maioría absolutísima no eido local do PSOE, é Vigo, polo menos iso din os datos. A partir de aí, os partidos están abertos e non sei que vai pasar. En Ourense, se o PSOE non ten maioría absoluta, que estamos traballando para iso, desde logo, se hai que falar de pactos, podería ser co BNG. Xa o fixemos no seu momento, deu bo resultado, creo que a pesar das diferenzas ideolóxicas fomos moi responsables fixemos un impulso inmenso os anos que gobernamos esta cidade e, en consecuencia, non habería ningún problema para renovar ese pacto. Se isto non fose así, direi que o PSOE fará unha oposición responsable sobre todo nos proxectos que beneficien Ourense e traballar sempre en positivo para a cidadanía ourensá.

O PSOE ten capacidade, ten equipos, ideas e en consecuencia, debe aspirar lexitimamente a gobernar Galicia

-Cal será a primeira decisión en caso de chegar á alcaldía?
Pois sacar o piano do despacho do alcalde.

-Hai un piano no despacho do alcalde?
Si, si, xa hai tempo, até ese punto. Disque cando ten algunha reunión (Jácome), levántase e vai tocar o piano. Mais concretando, unha das primeiras decisións que se tomen debe ser realizar unha auditoría de como están as contas do Concello. A partir de aí que entre o aire, a normalidade, que entre o respecto, a educación, pois penso que antes de pensar en obras iso é o máis urxente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta